Estás en:Emprego Novas

A Deputación e Concello de Carnota dan un novo paso para a renovación integral do alumeado público do municipio

Valentín González Formoso e Juan Manuel Saborido asinaron o convenio para financiar a segunda fase das obras. Ambos destacan a importancia dun proxecto que permitirá a Carnota aforrar arredor dun 60% na súa factura eléctrica

Con esta segunda achega, o investimento da Deputación alcanza os 120.000 euros.

Os 2.336 puntos de luz do municipio pasarán a tecnoloxía LED e renovaranse os 51 cadros de luz de Carnota

A Deputación e Concello de Carnota dan un novo paso para a renovación integral do alumeado público do municipio

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o alcalde Carnota, Juan Manuel Saborido Rama, e a concelleira Merche Noceda asinaron hoxe o convenio para o financiamento da segunda fase das obras do Plan de renovación integral do alumeado público municipio, un ambicioso proxecto para renovar por completo estas instalacións e mellorar a eficiencia enerxética do municipio cun investimento global de 1,3 millóns de euros. O proxecto tamén conta co apoio económico do IDAE, con fondos FEDER, no marco dos proxectos singulares para entidades locais que favorezan o paso cara unha economía baixa en carbono.

As obras, nesta segunda fase, contemplan un investimento de 371.000 euros, dos que a Deputación achega 59.352 euros, unha achega económica que se suma a outros 60.000 da primeira fase.

Formoso asegura que este proxecto permitirá a Carnota aforrar miles de euros anuais da factura eléctrica e puxo en valor este tipo de iniciativas dos municipios da provincia que promoven a sustentabilidade e que contan tamén co apoio técnico da Fundación Axencia Enerxética Provincial (FAEPAC), dependente da Deputación.

O proxecto permitirá renovar 2.336 antigas luminarias (568 nesta fase), a maioría delas de vapor de sodio, e substituílas por tecnoloxía LED, que melloran a eficiencia e potencia luminosa e reducen notablemente o consumo, e a emisión de gases á atmosfera. Melloraranse tamén 51 cadros (9 nesta fase) de luz e os postes e instalacións eléctricas que se atopen en malas condicións, mellorando tamén a súa seguridade.

O alcalde Juan Manuel Saborido lembrou que renovar o sistema actual de alumeado público, que data de hai máis de tres décadas, aforrará ao Concello de Carnota ata un 60% da factura eléctrica, que neste momento ascende a arredor de 150.000 euros anuais, e que segue incrementándose coa alza dos prezos da luz.

"O proxecto axudará ademais a rebaixar as emisións de CO2, ao tempo que se mellora a calidade do alumeado e as luminarias danadas, especialmente na zona rural e litoral do municipio", subliñou o rexedor.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X