Estás en:Emprego Novas

A Federación Galega de Redeiras Artesás e o Grupo de traballo de Igualdade da ANPA do CEIP A Barouta, gañadoras do Premio Begoña Caamaño

A Federación Galega de Redeiras Artesás 'O Peirao' foi premiada na modalidade 'Traxectoria', pola dignificación que fan do traballo das mulleres no ámbito do mar, non só visibilizando as características singulares do seu labor, senón promovendo tamén actividades formativas destinadas á mellora das súas condicións sociolaborais

Na modalidade 'Iniciativa' o xurado seleccionou a proposta do Grupo de Traballo de Igualdade e Xénero da ANPA do CEIP A Barouta, por promover unha estratexia coeducativa e sociocultural con actividades que dun xeito transversal impulsan a igualdade de xénero e preveñen a violencia, inducindo hábitos de consumo cultural positivo nas familias a través das crianzas

A Federación Galega de Redeiras Artesás e o Grupo de traballo de Igualdade da ANPA do CEIP A Barouta, gañadoras do Premio Begoña Caamaño

A área de Cultura da Deputación da Coruña vén de fallar o Premio Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero que, na súa VI edición, recaeu na Federación Galega de Redeiras Artesás 'O Peirao' na modalidade 'Traxectoria', e no Grupo de traballo de Igualdede e Xénero da ANPA do CEIP A Barouta (Ames) na modalidade 'Iniciativa'.

O xurado, que elixiu ambas entidades gañadoras por unanimidade, estivo composto por Lucía Canoura, do Observatorio da Mariña pola Igualdade, pola tiktoker María Rúa Rodríguez (@pradorua), polas xornalistas María Obelleiro e Fernanda Tabarés e presidido polo deputado de Cultura, Xurxo Couto. Actuou como secretaria Manuela Muñiz, xefa da Sección de Cultura e Deportes e estivo presente María Jesús Quintela, xefa do Negociado de Cultura.

Segundo recolle o xurado no seu informe, da Federación Galega de Redeiras Artesás 'O Peirao' salienta "a dignificación que fan do traballo das mulleres no ámbito do mar, non só visibilizando as características singulares do seu labor, senón promovendo tamén actividades formativas destinadas á mellora das súas condicións sociolaborais". Tamén valoraron "a posta en valor dun oficio esencial para a actividade marítimo-pesqueira e a vocación de vertebración do territorio que ten O Peirao, desde Ortegal ao Baixo Miño, tecendo rede nun colectivo cohesionado", concluíndo que "son merecedoras do premio polo seu carácter reivindicativo dentro dun sector no que as fendas de xénero están moi presentes".

En relación ao Grupo de Traballo de Igualdade e Xénero ANPA do CEIP de Barouta, o informe recolle que "promoven unha estratexia coeducativa e sociocultural con destacadas e variadas actividades que dun xeito transversal impulsan a igualdade de xénero e preveñen a violencia, ademais de trasladar un concepto diverso dos feminismos", así como "a súa vocación de desbordar os límites da comunidade educativa para empapar a toda a sociedade, inducindo hábitos de consumo cultural positivo nas familias a través das crianzas".

A Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao, constituída en 2004, está integrada por oito asociacións de redeiras repartidas por todo o litoral galego que desenvolven a súa tarefa profesional como redeiras no sector da pesca, eminente masculinizado, no que o referente profesional sempre foi a figura masculina. Agrupan ao redor de 127 redeiras a través das seguintes asociacións profesionais: Asociación de Redeiras de Cariño, Asociación de Redeiras de Cedeira, Asociación de Redeiras de Portosín, Asociación de Redeiras O Fieital de Malpica, Asociación de Redeiras Illa da Estrela de Corme, Asociación de Redeiras Virxe do Carme de Porto do Son, Asociación de Redeiras de Cangas O Cerco, e Asociación de Redeiras do Baixo Miño Atalaia.

O grupo de traballo de Igualdade e Xénero do CEIP de Barouta, créase no ano 2019 e está formado por un grupo de familias que pretenden dar un enfoque externo e interconectado coa comunidade, a unha liña de traballo que xa existe no CEIP sobre a importancia da igualdade entre xéneros e a prevención da violencia. Xorde tamén para intentar dar resposta ás inquedanzas e ás dúbidas que se lle presentan ás familias e ao profesorado en torno a como resolver os problemas que se presentan na sociedade do século XXI, que definíndose así mesma como moderna, continúa perpetuando prexuízos, estereotipos e roles asociados única e exclusivamente ao sexo e xénero.

As gañadoras das cinco edicións anteriores foron, na primeira convocatoria, a Libraría de Mulleres Lila de Lilith, e nas seguintes, Elas tamén pintan e Implicadas no desenvolvemento (ex aequo), a Asociación Observatorio da Mariña pola Igualdade, a Compañía de Teatro A Panadaría, e a Asociación Ámbar da persoas con diversidade funcional.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X