A Deputación e o Concello de Santiso colaboran no proxecto ambiental ‘Aldeas con vida propia’
Valentín González Formoso e Manuel Adán asinaron hoxe o convenio, que suporá un investimento de 141.925 euros, o 80% achegado pola Deputación
Acondicionaranse os camiños de Xesteira a Novela, de Santiso a Trebolo, de Santiso á area de lecer do Liño, do Castro e de acceso a Felgueira
As actuacións forman parte dun proxecto co que o Concello busca reducir a pegada medioambiental e promover unha vida saudable entre a veciñanza
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Santiso, Manuel Adán, asinaron esta mañá na sede da institución provincial o convenio para o financiamento das obras do programa ambiental "Aldeas con vida propia", unha actuación que suporá un investimento de 141. 925 euros dos que o 80% (11.540 €) serán achegados pola Deputación.
A sinatura do convenio asistiron tamén os deputados provinciais de Economía, Antonio Leira e Patrimonio, Xosé Luís Penas.
O proxecto consistirá na habilitación de espazos e sendas para uso e desfrute da poboación do municipio. Unha proposta coa que se busca dotar de espazos de tránsito seguros e cómodos, pensados tamén para actividades lúdicodeportivas e para reducir o uso do coche. Segundo sinalan desde o Concello, estas obras son esenciais para poder desenvolver a iniciativa ao completo.
As tarefas permitirán acondicionar as marxes e pavimentos nos camiños de Xesteira a Novela, de Santiso a Trebolo, de Santiso á area de lecer do Liño, do Castro e de acceso a Felgueira. Nalgúns treitos puntuais destes itinerarios colocaranse arquetas e sumidoiros para a canalización de augas pluviais. Os traballos contan cun prazo de execución estimado en seis meses desde o inicio das obras.
'Aldeas con vida propia' busca concienciar á poboación de Santiso en materia medioambiental e crear hábitos saudables como primeiro paso para conseguir, nunha segunda fase, un municipio cunha menor pegada ambiental e unha poboación máis sa, cunha boa calidade de vida mellorando a seguridade e instalacións da súa contorna.
O proxecto inclúe tamén a organización de charlas formativas e talleres de ximnasia, prestando especial atención ás persoas con necesidades especiais. Así mesmo, implantarase a recollida selectiva de envases lixeiros nos dous principais núcleos poboacionais, redistribuirase a iluminación pública para favorecer a vida fóra dos fogares en horas de escuridade e reducir as emisións de CO2, eliminaranse feismos, colocaranse paneis informativos, arranxaranse marquesiñas e mellorarase a sinalización de lugares de interese.