Estás en:Emprego Novas

Cultura de Deputación celebra o 26 de xuño no Teatro Colón a súa Festa da música con tres concertos

As cancións de berce de Esperanza Mara e Alfredo Susavila, o jazz de Pablo Sax Trío e o piano clásico de Paula Ríos soarán no teatro coruñés

Cultura de Deputación celebra o 26 de xuño no Teatro Colón a súa Festa da música con tres concertos

Jazz, cantos de arrolar e música clásica encherán de son o Teatro Colón o 26 de xuño, data na que o departamento de Cultura da Deputación da Coruña programou a súa Festa da música. Serán tres concertos, en tres horarios distintos e para todo tipo de públicos.

Comezará o festival, ás 11.30 horas, con "Tecendo sonos", un espectáculo dirixido especialmente a nenas e nenos de 4 a 9 anos, no que o público terá moito protagonismo. Esperanza Mara (narración) e Alfredo Susavila (piano) achegaranlle á cativada unha parte do noso patrimonio inmaterial de tradición oral: os cantos de arrolar. O repertorio, tirado dun proxecto baseado nun traballo de campo realizado na zona do Barbanza e arredores, compóñeno "E run, rún" e "Dúrmete, meu neno", de Rodrigo Romaní; "María, miña María", de Lucas Rei; "O meniño quer durmir", de Abe Rábade; e "Ai, que mininiño", de Alfredo Susavila.

Para as 13 horas está programado o concerto de Pablo Sax Trío (Pablo "Sax" Sinde, saxos; Pablo Sanmamed, contrabaixo; e Sergio González, batería). O jazz desta formación apunta á posibilidade de crear sobre pezas orixinais compostas en base ás experiencias do saxofonista ao longo de máis de trinta anos de traxectoria. A improvisación como reto para contar unha historia que trata de manter a frescura en cada nova interpretación, adaptada ás circunstancias e o posible azar; un discurso musical que está presenta na gravación publicada polo trío, "Amorgana".

Cun recital titulado "De Granada a Samarcanda: o exotismo en Europa", presentarase no escenario, ás 19 horas, a pianista Paula Ríos, profesora de Piano no Conservatorio CIEM Federico Moreno Torroba (Madrid), solista recoñecida en España, Reino Unido, Francia, Suíza, Alemaña e Arxentina, e intérprete en gravacións para RNE, TVE, Radio Suisse Romande, TVG, IB3 e RG.
O seu concerto ten como nexo o interese dos compositores europeos clásicos por buscar e rodearse da sensualidade e autenticidade de Oriente e da pureza idealizada do folclore do sur e o este de Europa. Ríos interpretará un repertorio formado polas pezas "De Masques: Shéhérazade", de Karol Szymanowski; tres danzas de "O sombreiro de tres picos", de Manuel de Falla; "Mephisto Vals Nº 1. Danza na taberna do pobo", de Franz Liszt; "Na néboa", de Leoš Janáček; "Préludes", de Claude Debussy; e "Iberia: Triana", de Isaac Albéniz.

As entradas para os tres concertos son de balde e xa se poden retirar na páxina web do Teatro Colón.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X