Estás en:Emprego Novas

A Deputación achega a cultura do megalitismo da Costa da Morte a Málaga

No marco da CM Málaga Cities & Museums International Trade Fair, a área de Turismo promove unha acción de arte urbana no exterior dun centro social da cidade malagueña, a cargo dos artistas urbanos Mou e Sokram do estudo Mutante Creativo

O vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, participará mañá no programa oficial cun relatorio sobre a arte contemporánea ao aire libre e a súa relación coa promoción dixital

A Deputación achega a cultura do megalitismo da Costa da Morte a Málaga

A cultura megalítica da Costa da Morte protagoniza o mural que os artistas urbanos Mou e Sokram do estudo Mutante Creativo están a realizar no exterior dun centro social na cidade de Málaga. Trátase dunha acción paralela que promove a área de Turismo da Deputación da Coruña, no programa da CM Málaga Cities & Museums International Trade Fair.

O vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, que participará mañá no programa oficial cun relatorio sobre a arte contemporánea ao aire libre e a súa relación coa promoción dixital, visitou esta mañá o Centro Ciudadano Félix Ariza, o equipamento municipal no que ambos artistas están realizando o mural. "Estamos deixando unha pegada en Málaga como exemplo de como a arte contemporánea está a crear símbolos que identifiquen e cohesionen a veciñanza nos barrios" asegura Xosé Regueira. O vicepresidente indica que "a presenza da Deputación neste foro está baseada na promoción do concepto de identidade a través da arte pública e, neste sentido, tamén traemos unha parte da nosa identidade como pobo a esta cidade". Por último, tamén vincula a realización deste mural "cun concepto propio dos museos que é o de cesión de obra, e a Deputación desde xa tamén ten obra cedida nesta cidade, que forma parte dunha estratexia de promoción que xunte identidade, cultura e turismo".

Pola súa banda, Mou e Sokram aseguran que "esta mural representa unha parte das nosas raíces e da nosa memoria, baseada na representación das pedras megalíticas". O mural, que estará totalmente rematado na xornada de mañá, representa "un xesto que inclúe tanto unha protección como unha ofrenda moi relacionada cos dolmens da Costa da Morte e coa posta en valor que se está levando a cabo os últimos anos no marco do proxecto do Parque do Megalitismo".

Ambos artistas participarán esta tarde na mesa redonda titulada 'El Arte Urbano como elemento transformador del espacio público', en calidade de curadores de eventos de arte mural e como coordinadores dos festivais DesOrdes Creativas de Ordes e Rexenera Fest de Carballo. Na mesa mesa redonda tamén participará a técnica de Turismo do Concello de Carballo, Maite Parga.

Na xornada de mañá pola mañá, será a quenda do vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, que intervén no panel 'El (nuevo) museo híbrido. Hacia la construcción de experiencias' e contempla outras catro intervencións a cargo de Rebecca Bailey, do Consello de Investigación de Artes e Humanidades de Escocia; Iñaqui Carnicero, director general de Agenda Urbana y Arquitectura, do Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana; e José Luis de Vicente, comisario e investigador cultural de Sónar+ D de Barcelona.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X