Alcaldes alcaldesas da Mancomunidade de municipios do Camiño Francés trasladan os seus proxectos á Deputación
Formoso reuniuse con alcaldes e concelleiros dos concellos das provincias da Coruña e Lugo polos que discorre este itinerario xacobeo
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, recibiu no seu despacho da institución provincial aos representantes da Mancomunidade de municipios galegos do Camiño Francés.
Na reunión de traballo participaron o alcalde de Sarria e presidente da Mancomunidade, Claudio Garrido, o alcalde de Paradela, José Manuel Mato Díaz, o alcalde de Portomarín, Pablo Rivas, a alcaldesa de Monterroso, Rocío Seijas, o alcalde O Pino, Manuel Taboada, e os tenentes de alcalde de Arzúa e Melide, Begoña Balado Conde e Xosé Igrexas García.
Os e as representantes dos municipios explicaron ao presidente a importancia socioeconómica que o Camiño ten para os seus concellos e os proxectos que están a desenvolver, con financiamento europeo, para mellorar infraestruturas, xestión e produtos turísticos nun itinerario xacobeo moi consolidado que está a experimentar un notable incremento de peregrinos tras a pandemia.
A Deputación, a través da área de Turismo, estudará vías de colaboración para participar nestes proxectos nos tramos coruñeses do Camiño.