Estás en:Emprego Novas

EUROPE DIRECT A Coruña selecciona os dez mozos e mozas da provincia que se converterán durante dúas semanas en Embaixadorxs do Ano Europeo da Xuventude

A campaña poderá seguirse en Instagram baixo o cancelo #EmbajadorxsEYY2022

As persoas participantes recibirán un bono interrail para viaxar por Europa durante un mes

EUROPE DIRECT A Coruña selecciona os dez mozos e mozas da provincia que se converterán durante dúas semanas en Embaixadorxs do Ano Europeo da Xuventude

O centro EUROPE DIRECT A Coruña vén de seleccionar os dez mozos e mozas do ClubUE que se converterán durante dúas semanas en altofalantes en redes sociais das políticas da Unión Europea para a mocidade dentro da iniciativa Embaixadorxs do Ano Europeo da Xuventude.

A campaña arrinca o día 4 de xullo e poderá seguirse a través da rede social Instagram baixo o cancelo #EmbajadorxsEYY2022. Durante dúas semanas, estes dez mozos e mozas da provincia de entre 18 e 25 anos falarán do Ano Europeo da Xuventude que se celebra neste ano e tamén de programas europeos como o Erasmus Plus e o Erasmus for Young Entrepreneurs, o Corpo Europeo de Solidariedade, as iniciativas EU Youth Dialogue e o European Youth Event, a Garantía Xuvenil, a rede EURES ou o concurso DiscoverEU.

As persoas participantes terán un primeiro encontro en liña este venres 1 de xullo no que se coñecerán e recibirán a formación precisa para levar a cabo o seu papel de embaixadorxs e unha nova reunión o luns 4 de xullo. Neste segundo encontro terán a oportunidade de conversar co responsable de Comunicación da Representación da Comisión Europea en España e con outros mozos e mozas que tamén serán embaixadores polos centros EUROPE DIRECT de Ciudad Real e Maestrazgo, que colaboran con EUROPE DIRECT A Coruña para darlle unha dimensión estatal á iniciativa.

O obxectivo desta proposta, enmarcada nas accións do Ano Europeo da Xuventude da Comisión Europea, é implicar á mocidade da provincia para que se active como cidadanía europea e tamén achegar información sobre as oportunidades da UE entre a xente moza. Unha vez realizado o seu labor de embaixadorxs, os e as participantes serán premiados cun bono Interrail Global Pass. Este documento permite viaxar por Europa durante un mes cun número total de sete días de transporte en ferrocarril e poderán empregalo ata finais de xullo de 2023.

Para información complementaria, pódese contactar a través do correo electrónico europedirect@dacoruna.gal, ou ben, no número de teléfono 981 080 331.

Hai tamén máis información dispoñible na seguinte páxina web: https://emprego.dacoruna.gal/europedirect/europe-direct-coruna/agenda/2022/embajadores-del-ano-europeo-de-la-juventud#

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X