A Deputación inviste 244.000 euros para dotar a Moeche dun sistema propio de abastecemento de auga
Na actualidade o servizo de abastecemento deste concello depende dun convenio co municipio das Somozas e moitos núcleos carecen deste servizo básico
A obra permitirá a moitos veciños e veciñas de Moeche conectarse a rede pública municipal
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, asinaron hoxe o convenio que permitirá que o municipio conte co seu sistema propio de abastecemento de auga.
A través desta acordo, a Deputación destina 244.691 euros para financiar o 80% do orzamento total da obra, que ascende a 305.863 euros. Na actualidade o servizo de abastecemento do Concello de Moeche realízase a través dun convenio co concello das Somozas, desde o que se deriva unha canalización a un depósito no lugar da Abelleira. Existen núcleos próximos á canalización que non poden acceder a este servizo básico.
Co fin de dotar de abastecemento aos núcleos que carecen del e de mellorar a rede municipal proponse a construción de dúas novas captacións de auga subterráneas na parroquia de Santa Cruz e o impulso destas ata o depósito existente. Tamén, aproveitando o novo trazado de impulsión, instalaranse as conducións necesarias para a ampliación do servizo de abastecemento para os núcleos polo que discorrerán estas canalizacións.
Para as captacións precísase unha bomba de "esgotamento somerxible", válvulas, contadores, acometidas eléctricas e tubaxes de sondeo, billas e instrumentos de control para medir os niveis do pozo.
As novas canalizacións percorrerán case un quilómetro desde os pozos (pola marxe da DP 4093) ata a igrexa de Santa Cruz de Moeche. Outro dos tramos canalizados discorrerán desde a Igrexa ata o núcleo de Amosa, un tramo de case tres quilómetros de lonxitude. E outro, desde Amosa ata o depósito de regulación existente.