A Deputación e Concello de Oroso invisten 150.000 euros nas obras de acondicionamento da zona de lecer e deportiva en Porto Avieira
Valentín González Formoso e Luís Rey asinaron o convenio para acometer esta actuación que conta cun orzamento total de 150.000 euros
O obxectivo da actuación financiada polo ente provincial é ampliar a infraestrutura de Porto Avieira de tal xeito que os camiños limítrofes que conectan coas instalacións poidan ser utilizados para a práctica deportiva
A Deputación da Coruña financiará o 80% das obras de acondicionamento da zona de lecer e deportiva en Porto Avieira, no Concello de Oroso.
Así se recolle no convenio de colaboración subscrito polo presidente provincial, Valentín González Formoso, e o alcalde de Oroso, Luís Rey, no que tamén estivo presente o deputado provincial Antonio Leira Piñeiro. As obra suporán un investimento de 150.000 euros, dos que a Deputación achegará 120.000 euros
Na actualidade a parcela alberga unha pista de béisbol, unha zona destinada a práctica do fútbol, un recinto de adestramento canino, un parque infantil e un aparcadoiro. O obxectivo da actuación conxunta entre Deputación e Concello de Oroso é ampliar a infraestrutura de Porto Avieira de tal xeito que os camiños limítrofes que conectan coas instalacións poidan ser utilizados para a práctica deportiva, segundo explicou o alcalde, Luís Rey.
Novas sendas
Así, os usuarios e usuarias poderán practicar deporte polas novas sendas, que mellorarán de paso as comunicacións entre as diferentes infraestruturas deportivas. En concreto, aproveitaranse o trazado dos percorridos existentes pola parcela acondicionando o pavimento e mellorando a súa drenaxe, xa que en determinadas zonas existían problemas de acumulación das escorrentías. Por outra banda, contémplase a iluminación da pista e da zona do aparcadoiro para que os usuarios poidan practicar deporte fóra das horas diúrnas.
Tamén se instalarán 130 metros de varanda de madeira nos novos camiños e a reposición da beirarrúa existente na que tamén se procederá a conectar o novo sistema de pluviais á rede xeral. As obras terán unha duración de seis meses desde a súa adxudicación.