Estás en:Emprego Novas

A Deputación financia o acondicionamento do lavadoiro do Chalón, en Muros

Valentín González Formoso e a alcaldesa de Muros, Inés Monteagudo, asinaron hoxe o convenio polo que o ente provincial achegará 12.000 euros, o 80% do orzamento total

Demolerase a cuberta de formigón que está sobre o lavadoiro xa que foi cualificada como de moi baixa calidade estética e conta cun mal estado de conservación

A Deputación financia o acondicionamento do lavadoiro do Chalón, en Muros

A Deputación da Coruña financiará con 12.000 euros o proxecto para o acondicionamento da contorna do lavadoiro do Chalón, no Concello de Muros, que conta cunha cuberta de formigón que se atopa en moi mal estado.

O presidente provincial, Valentín González Formoso, e a alcaldesa de Muros, Inés Monteagudo, asinaron hoxe o convenio polo que a Deputación achegará 12.000 euros, o 80% do orzamento total previsto para a execución da obra, que ascende a 15.000 euros.

A actuación centrarase na substitución da cuberta de formigón que se construíu sobre o lavadoiro e que, nunha inspección encargada polo Concello, foi cualificada como de moi baixa calidade estética e que ademais conta cun mal estado de conservación.

Os traballos que se van realizar inclúen a protección do lavadoiro para evitar que sufra calquera deterioración durante o proceso de demolición mecánica do forxado, alicerces e vigas que forman a cuberta. Posteriormente executaranse peitorís perimetrais de 45 centímetros de altura e 30 centímetros de ancho e unha escaleira de pedra.

O prazo previsto para a execución dos traballos desde o inicio das obras é de tres meses.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X