Estás en:Emprego Novas

O coworking provincial ‘A Fusquenlla’, en Moeche, pon en marcha un programa de formación e asesoramento, difusión e atracción de emprendedores

O deputado de Emprego, José Ramón Rioboo, visitou onte o espazo, pertencente á Rede de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación, e impulsado polos Concellos de Moeche, Cerdido, San Sadurniño e Valdoviño

As instalacións foron reformadas e equipadas no 2021, para a transformación de mel, zumes e conservas vexetais

O coworking provincial ‘A Fusquenlla’, en Moeche, pon en marcha un programa de formación e asesoramento, difusión e atracción de emprendedores

O centro comarcal de desenvolvemento rural 'A Fusquenlla', en Moeche, pertencente á Rede Provincial de Espazos de traballo colaborativo, pon en marcha unha campaña de formación e asesoramento, xestión, difusión e atracción de potenciais usuarios do espazo.

O deputado de Emprego, José Ramón Rioboo, visitou onte, acompañado da alcaldesa de Moeche, María Beatriz Bascoy Maceiras; do alcalde de San Sadurniño, Secundino García Casal; do alcalde de Valdoviño, Alberto González Fernández; e do alcalde de Cerdido, Benigno Galego Castro; o centro.

Na anualidade 2021, coa colaboración da Deputación, os concellos mencionados levaron a cabo a rehabilitación da antiga nave de queixos do recinto feiral San Ramón, no Concello de Moeche, para transformala nun centro comarcal de traballo colaborativo orientado á elaboración, transformación e venda de produtos agroalimentarios.

Agora, unha vez rematadas as obras e logo de dotar o centro co equipamento preciso para a transformación de produtos da horta e despois de levar a cabo unha primeira campaña de detección de posibles persoas usuarias do espazo, os concellos promotores consideraron preciso avanzar na posta en funcionamento e dinamización das instalacións, poñendo en marcha actuacións de formación e asesoramento, xestión, difusión e atracción de potenciais usuarios do espazo.

Programa formativo e de asesoramento para as persoas usuarias

O novo centro da servizos á pequenos produtores locais da comarca, axudándolles a crear máis valor para os seus produtos, e conta con 15 módulos de traballo: 5 na liña de mel, 6 na sección de zumes e vexetais e 4 nas zonas comúns.

A Deputación cofinanciará xunto cos concellos promotores, un programa formativo e de asesoramento para as persoas usuarias do centro no que se refire ao uso correcto das instalacións; asesoramento técnico para a produción de alimentos transformados; asistencia sanitaria e asesoramento para cumprir os requisitos legais e técnicos para a produción de alimentos transformados así como a creación dun grupo de traballo entre as persoas usuarias para analizar diferentes opcións de xestión do centro por parte dos catro concellos e outras accións de difusión e captación de emprendedores.

No relativo ao método de xestión do centro e á súa difusión, cómpre destacar que dado que se trata dunha instalación novidosa, de carácter colaborativo, a participación directa das persoas usuarias será un elemento imprescindible no seu funcionamento, polo que o procedemento de xestión será froito dun proceso participativo, de abaixo a arriba, adaptado ás necesidades e capacidades do colectivo ao que se dirixe a instalación.

Para as accións formativas e de asesoramento, difusión e captación de emprendedores, destináronse un total de 36.350 euros, dos cales 29.080 euros procedentes de fondos propios do Plan de emprego local da Deputación da Coruña (80% do total).

'A Fusquenlla'

Este coworking de carácter supramunicipal está integrado na Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo, da que xa forman parte os concellos de Oleiros, Brión, Ames, Carballo, Boiro, A Capela, Vedra e A Pobra do Caramiñal que tamén contan con centros de coworking especializados en diferentes sectores estratéxicos no seu territorio.

Este espazo xorde fundamentalmente da colaboración, non só entre administracións, senón tamén con entidades do territorio centradas nas temáticas do desenvolvemento rural. Neste senso cómpre salientar que o proxecto do centro nace, en parte, debido tamén á iniciativa de varias entidades vinculadas á produción agraria e á agroecoloxía, que de forma reiterada demandaron a súa creación co obxecto de que os pequenos produtores puidesen ter acceso a unhas instalacións que non terían de xeito individual. Por isto o centro está moi vinculado a estas organizacións e a súa colaboración será fundamental no seu funcionamento e proxección de futuro.

Na práctica o centro funcionará como unha pequena planta de transformación e envasado de alimentos dotada de todo o necesario para garantir a calidade do produto final e unha absoluta seguridade alimentaria. Conta cunha autoclave, cámara frigorífica, un tanque de lavado, unha zona de procesamento, unha deshidratadora, etiquetadora, prensa, espazo de almacén e incluso un grupo electróxeno especial e tamén cunha grande cociña industrial, lavalouzas, equipamento de esterilización e envasado que permitirá producir conservas e zumes cumprindo coa normativa sanitaria e de trazabilidade. Completan as instalacións, varios espazos dedicados a oficinas, aseos e vestiarios.

O centro é unha estrutura de acollida temporal pensada para ofertar un lugar de traballo ás persoas emprendedoras nas súas primeiras andainas no mundo empresarial, acompañalos e prestarlles servizos adaptados ás necesidades de cada proxecto, co fin de que se facilite o desenvolvemento xerminal de iniciativas innovadoras de interese comarcal. Considerando que un dos motivos recoñecidos como dificultade para a creación de empresas é a falta de instalacións e financiamento, a través deste coworking se quere favorecer especialmente á mocidade emprendedora, ofrecerlle unha saída profesional necesaria para fomentar un sentimento de seguridade e capacitación laboral, do mesmo xeito que se retén o talento local e se evita o despoboamento.

'A Fusquenlla', cun marcado carácter supramunicipal, ten como obxectivo favorecer o desenvolvemento e benestar dos catro concellos promotores baseándose na colaboración público-privada para o fomento do espírito emprendedor, a creación de empresas, a mellora da competitividade e a colaboración interempresarial.

Rede Provincial de Espazos de Traballo

O centro comarcal de desenvolvemento rural A Fusquenlla forma parte da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo que actualmente integran o Pazo de Arenaza en Oleiros, o coworking do Fórum de Carballo, Transformando en Brión, o coworking da Capela, o coworking A Proa en Ames , o Emprende-LAB Barbanza de Boiro, o coworking Pobra e o Centro de Emprendemento A Estación de Vedra.

Os distintos centros adheridos á Rede Provincial funcional a nivel supramunicipal, dando servicio non só ao concello no que se emprazan, senón tamén en concellos circundantes, atendendo a criterios de eficiencia.

O Plan de emprego local impulsado pola presente corporación continúa a apostar polo desenvolvemento socioeconómico a través da creación de emprego e o aumento do tecido empresarial na provincia, a través dunha política axustada ás necesidades do mercado laboral, proporcionando os medios materiais e humanos necesarios.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X