Estás en:Emprego Novas

Vanesa Sotelo, Judith Ruso, Paula Domínguez e Andrés Sanjurjo inician os seus proxectos en Mariñán

Un ensaio sobre o rural contemporáneo e outro sobre a presión da produtividade na vida actual, unha dramaturxia autobiográfica que explora o vínculo bilateral Galicia-África, e un guión sobre o pacto económico no cimena con actores e actrices non profesionais, centran os traballos das primeiras autoras da Residencia Artísticas de Literatura e Pensamento

Os autores Alfonso Pexegueiro e Marga do Val protagonizarán sendas sesións de traballo coas autoras en residencia en Mariñán e encontros abertos ao público en xeral na Fundación CIEC e na libraría Biblos de Betanzos

Vanesa Sotelo, Judith Ruso, Paula Domínguez e Andrés Sanjurjo inician os seus proxectos en Mariñán

O deputado de Cultura, Xurxo Couto, mantivo un encontro esta mañá co autor e autoras que están participando nas primeiras Residencias Artísticas Mariñán dedicadas a Literatura e Pensamento, para coñecer de primeira man os proxectos que iniciarán durante a súa estadía creativa.

Así, Vanesa Martínez Sotelo explicou que ela utilizará as dúas semanas de estancia en Mariñán en asentar a bases dunha dramaturxia que parte dunha historia autobiográfica que explora as relacións entre Galicia e África, concretamente Namibia. A dramaturga explicou que esta proposta de treatro-documento comezará a partires dunha fotografía de seu pai, embarcado en caladoiros de África, e que traballará "a través da descuberta da miña topografía persoal". Tamén avanzou que neste proxecto intentará afianzar lazos con outras compañías que están a realizar traballos dramatúrxicos semellantes.

Andrés Sanjunjo explicou que a súa intención é comezar un borrador de guión sobre o acordo económico entre o cineasta e os modelos que utiliza nas súas representacións, cando estes son non profesionais de países non hexemónicos. "Cal é o pacto que se establece entre o cineasta e as persoas que filma" explica, cando esas persoas proceden de países considerados pobres ou contextos marxinais. Un territorio pouco explorado a nivel fílmico, segundo explicou o autor, e que espera que vexa a luz en formato filme no futuro.

No eido do pensamento, Yudith Ruso indicou que o seu proxecto trata de "expandir o marco teórico sobre as representacións da natureza a día de hoxe, cunha visión contemporánea". Neste traballo apunta que intentará abordar aspectos como a simboloxía coa que se representa a natureza máis aló dos tópicos, o uso da natureza como mercado –por exemplo, a través de retiros de wellness-, ou o concepto de ocio e a súa relación entre entre o rural e o urbano.

Por último, Paula Domínguez está a comezar un traballo sobre a produtividade e o seu efecto sobre a vida actual. "Quero investigar sobre como o poder nos constitúe como suxeitos a nivel indentitario e como interiorizamos cuestións como a culpa en relación á produtividade que se nos esixe" explica a autora. Tamén apunta que a saúde mental, o estrés e o crecente consumo de psicofármacos en relación ás esixencias de produtividade estarán presentes neste traballo que, a priori, concibe como un proxecto a longo prazo.

As estadías, que se prolongan ata o 29 de xullo, contarán ademais con sesións de traballo con Alfonso Pexegueiro e con Marga do Val. A visita de Alfonso Pexegueiro está prevista para este xoves 21, e pola mañá manterá un encontro coas autoras no Pazo de Mariñán mentres que pola tarde terá lugar un encontro aberto para público en xeral na Fundación CIEC de Betanzos ás 20h. Pola súa parte, Marga do Val visitará o Pazo o mércores 27 e pola tarde, ás 19 horas manterá un encontro aberto para público en xeral na librería Biblos de Betanzos.

Convén lembrar que na convocatoria para as residencias literarias foron elixidas 8 autores e autoras, de xeito que a esta primeira estadía no mes de xullo se lle sumará unha segunda estadía a comezos do mes de decembro na que participarán María Esther Fernández Carrodeguas, María Soraya Lema Carballo, Xosé Xerardo Pereiro Pérez e Abraham Pérez Fernández.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X