Estás en:Emprego Novas

Sesenta e dúas candidaturas concorren este ano aos premios PEL da Deputación da Coruña

O xurado reuniuse hoxe para avaliar as candidaturas presentadas á V edición dos Premios do Plan de Emprego Local

O fallo darase a coñecer o vindeiro mércores, 27 de xullo, nun acto no Teatro Jofre de Ferrol

Concederanse un total de 60.000 euros en premios e ata 15.000 euros en accésits

Sesenta e dúas candidaturas concorren este ano aos premios PEL da Deputación da Coruña

Un total de 62 candidaturas presentáronse ás tres categorías coas que conta o galardón, dotadas con 20.000 euros en premios e 5.000 euros en accésits cada unha: Mellor Iniciativa Empresarial Nova, dirixida a autónomos/as e empresas da provincia constituídas nas anualidades 2022 ou 2021; Mellor Iniciativa Empresarial Consolidada, dirixida a autónomos/as e empresas da provincia constituídas na anualidade 2017 ou con anterioridade; e Mellor Asociación Empresarial, cuxa finalidade é valorizar o labor das asociacións de empresarios/as e clústers á hora de fortalecer o tecido empresarial.

O deputado José Ramón Rioboo participou hoxe na reunión do xurado, que estivo presidido polo presidente da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), Antonio Fontenla Ramil, mentres que o cargo de secretario desempeñouno Manuel Vázquez Sesmonde, xefe do Servizo de Desenvolvemento Territorial e Transición Ecolóxica. Así mesmo, participaron especialistas de diferentes ámbitos relacionados co mundo da empresa e representantes de asociacións e outras organizacións de empresarios con presenza nos concellos coruñeses, como José Manuel Cotos Yáñez, profesor titular da Universidade de Santiago de Compostela; Antonio García Lorenzo, Catedrático de Escola Universitaria na UDC e membro do Grupo de Investigación Jean Monnet de Competencia e Desenvolvemento; Rosa Mary Cardeso Trillo, secretaria da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela; Romyna Fraga Lesta, técnica da Cámara de Comercio da Coruña e Jacobo Penide Quintela, representante de Bionix Supplychain Technologies, S.L., empresa gañadora da IV edición dos premios PEL.

Os membros do xurado avaliaron as candidaturas presentadas, seguindo criterios de orixinalidade da idea de negocio, o grao de innovación, o compromiso social e as medidas de responsabilidade social implantadas pola empresa, así como os servizos prestados polas asociacións e clústers empresariais, entre outros.

A Coruña e Santiago presentan o maior número de candidaturas

A meirande parte das empresas que concorren aos premios teñen o seu domicilio nos concellos da Coruña (16) e Santiago (5). No referente á terceira categoría, de mellor asociación empresarial, o concello de Santiago é o que presenta unha maior representación (6), seguido do concello de Ferrol (3).

En canto aos ámbitos de actividade das empresas, destaca o sector servizos, especialmente as empresas dedicadas aos servizos técnicos ou tecnolóxicos, seguidos das actividades de comercio, así como a hostalería e turismo e os servizos de educación e formación.

O vindeiro mércores, 27 de xullo, terá lugar ás 19.00 horas o acto de entrega de trofeos no teatro Jofre de Ferrol. Neste evento desvelaranse as empresas e asociacións empresariais gañadoras, así como se finalmente se conceden accésits ás segundas clasificadas dalgunha categoría. Así mesmo, este evento propiciará o networking entre todas as entidades candidatas e contribuirá ao establecemento de relacións entre as mesmas.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X