Estás en:Emprego

A Deputación inaugurará o tramo Cerceda-Oroso da Vía Verde cunha andaina e marcha cicloturista popular

A actividade terá lugar o domingo, 4 de setembro, e para participar é necesario anotarse nos concellos de Cerceda, Tordoia, Ordes, Oroso ou Santiago de Compostela

A saída será desde a estación de Queixas-Londoño (Cerceda) e haberá servizo de bus desde os municipios da Vía

O obxectivo é dar a coñecer este novo itinerario, que recupera as vías de ferrocarril en desuso para darlles unha segunda vida, promovendo unha mobilidade sostible

A Deputación inaugurará o tramo Cerceda-Oroso da Vía Verde cunha andaina e marcha cicloturista popular

A Deputación da Coruña inaugurará o domingo, 4 de setembro, cunha andaina e marcha cicloturista popular, o tramo que vai de Cerceda a Oroso da Vía Verde de Compostela-Tambre-Lengüelle, que discorre sobre o antigo trazado do ferrocarril entre Santiago e Cerceda, en desuso coa posta en funcionamento do Eixo Atlántico de Alta Velocidade.

Tras rematar as obras de acondicionamento deste tramo da Vía Verde, que suman un investimento de 2 millóns de euros, agora o obxectivo é dar a coñecer esta nova infraestrutura que percorre os concellos de Cerceda, Tordoia, Ordes e Oroso e conectará con Santiago de Compostela.

A andaina sairá da estación de Queixas-Londoño, en Cerceda, e finalizará na estación de Sigüeiro, en Oroso, cun percorrido total de 21 quilómetros e pasando pola estación A Pontraga de Ordes e a Estación de Trasmonte en Oroso.

A actividade, que é totalmente gratuíta, require dunha inscrición previa que debe formalizarse entregando o formulario, de xeito presencial ou vía telemática, nalgún dos concellos polos que pasa a Vía: Cerceda, Tordoia, Ordes, Oroso ou Santiago de Compostela. O prazo para facelo remata o 1 de setembro.

As persoas participantes contarán con avituallamentos durante todo o traxecto e habilitarase un servizo de bus desde os diferentes municipios da Vía, tanto para recoller as persoas que non finalicen a andaina como para levalas ao punto de saída e recollelas na chegada para levalas ao seu lugar de orixe.

A Deputación anima a participar nesta actividade a todos os veciños e veciñas dos concellos que forman a Vía Verde e tamén doutros xa que este é un proxecto que permite recuperar as vías de ferrocarril en desuso para darlle unha segunda vida, promovendo un novo modelo de mobilidade sostible entre as localidades polas que discorre.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X