Estás en:Emprego Novas

Formoso supervisou as obras de ampliación da estrada DP 1802 Veiga de Cabana-As Pontes, que estarán rematadas este outono

Con 1,1 millóns de euros de orzamento, a obra supón un dos maiores investimentos deste ano na rede provincial de estradas

Permitirá mellorar a seguridade da vía ampliando de 5 a 8 metros a anchura dun tramo de 9 quilómetros de estrada que discorre por Goente, A Faeira e As Pontes

Os primeiros 281 metros xa contan cunha senda peonil

Formoso supervisou as obras de ampliación da estrada DP 1802 Veiga de Cabana-As Pontes, que estarán rematadas este outono

O presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, e o concelleiro de Obras da localidade pontesa, Ramón Alonso, visitaron as obras de ampliación e mellora da estrada provincial DP 1802 de Veiga de Cabana ás Pontes, que contan cun orzamento de 1.131.656,47 euros, o que supón un dos maiores investimentos programados este ano na rede provincial de estradas. As obras, avanzan a bo ritmo e prevese que estean rematadas completamente no mes de outubro.

Formoso explicou que as obras consisten en anchear e mellorar a seguridade da vía ao seu paso polos núcleos de Goente e A Faeira, un tramo de preto de 9 quilómetros no que a plataforma será ampliada ata os 8 metros de ancho, con vía de circulación de 7 metros e beiravías de medio metro en ambas marxes da vía, o que contribuirá a mellorar a seguridade tanto da circulación de vehículos como das veciñas e veciños que transitan a pé pola zona.

Nos primeiros 281 metros da estrada, onde a DP 1802 entronca coa estrada principal AC-664 que conecta Cabanas e As Pontes, xa se completou a execución dunha senda peonil elevada de dous metros de ancho que discorre pola marxe esquerda da calzada, coa que se pretende garantir a circulación de viandantes en condicións de seguridade nesta recta.

As obras inclúen tamén a construción dunha pequena variante para eliminar os puntos máis perigosos do trazado, un sistema de drenaxe e recollida de pluviais, a completa renovación do pavimento da estrada e a instalación de nova sinalización horizontal e vertical.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X