Estás en:Emprego Novas

Berrobambán traballa coa veciñanza de catro concellos da Coruña no proxecto escénico e vivencial ‘Facer Memoria’

'Facer memoria', que conta co apoio do departamento de Cultura da Deputación da Coruña para o seu desenvolvemento, arranca o luns en Mañón e continuará a xira provinical por Teo, Carballo e Outes

Xuntanzas abertas nos centros sociais, entrevistas persoais, reunións con escolares, difusión dun podcast e un encontro-espectáculo final conforman os eixos desta iniciativa que conduce a narradora oral e dramaturga Paula Carballeira baixo a dirección de Chiqui Pereira

Berrobambán traballa coa veciñanza de catro concellos da Coruña no proxecto escénico e vivencial ‘Facer Memoria’

A compañía Berrobambán iniciará a vindeira semana no Concello de Mañón a segunda temporada de Facer Memoria, un proxecto escénico e vivencial no que se dilúen os límites entre escenario e patio de butacas, de xeito que se lle brinda voz ao público para contar no teatro as súas lembranzas. A iniciativa, que conduce a dramaturga e narradora oral Paula Carballeira baixo a dirección de Chiqui Pereira, desenvolverase nos vindeiros meses en diferentes parroquias dos municipios de Mañón, Teo, Carballo e Outes.

Facer memoria, proxecto que conta co apoio da Deputación da Coruña a través da liña de axudas a Proxectos Singulares de Especial Interese Cultural, parte así da tradición oral, da creación comunitaria e da descuberta colectiva para desenvolver un proceso teatral que desemboca nun encontro-espectáculo no auditorio municipal de cada concello no que a veciñanza participante intervirá sobre as táboas.

Os obxectivos principais de Facer Memoria pasan por coñecer a historia dos lugares que habitamos e a nosa contorna directa, recuperar a memoria oral, conservar a lingua e darlle valor á memoria individual como paso previo para reconstruír a memoria colectiva. Para acadar estas metas, establécense sinerxías e técense redes de colaboración con asociacións e entidades locais dos diferentes municipios polos que xirará este proxecto de Berrobambán.

Calendario e parroquias
A primeira parada desta nova etapa de Facer Memoria desenvolverase nas parroquias de Grañas do Sor e Bares de Mañón dende o vindeiro luns, 19 de setembro, até o domingo 25. Xa en outubro, no marco da programación do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT Carballo), Facer memoria pivotará entre as parroquias carballesas de Oza e Verdillo ao longo da semana que vai dende o luns 3 ao domingo 9. En novembro, Berrobambán visitará os lugares de Cando e San Lourenzo, no concello de Outes, na semana do 7 ao 13. E por último, Facer Memoria despedirá a súa segunda edición coa súa incursión en Teo -en concreto nas parroquias de Oza e máis dos Tilos- entre o 21 e o 27 de novembro.

Escena e 'podcast'
Facer memoria desenvolve ao longo dunha semana un completo programa de accións e actividades que inclúe entrevistas individuais con veciños e veciñas que queiran compartir as súas experiencias vitais, xuntanzas abertas nos centros sociais de cada parroquia, reunións con escolares que teñan traballado na aula a recuperación da memoria local dende calquera perspectiva e, finalmente, un encontro-espectáculo no que participen as persoas entrevistas.

Como novidade nesta segunda edición, Facer Memoria tamén espalla o seu campo de acción ao son e a imaxe, xa que todas as entrevistas serán gravadas. Con este material, desenvolverase unha peza sonora, en formato de podcast, na que se recollen algunhas das historias contadas pola veciñanza para ampliar a súa difusión. Ademais, artellarase unha peza audiovisual a xeito de resumo da actividade de Facer Memoria en cada un dos concellos.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X