Estás en:Emprego Novas

“A falsa autónoma” de Yolanda Castaño, gañadora do Premio González Garcés de Poesía da Deputación

O xurado valorou "o tratamento temático das vidas precarizadas, facendo fincapé no eido laboral e cultural desde unha marcada perspectiva de xénero"

As poetas Pilar Pallarés, Alba Cid, Susana Sánchez Aríns, Ismael Ramos e Daniel Asorey conformaron o xurado desta XXI edición do premio

“A falsa autónoma” de Yolanda Castaño, gañadora do Premio González Garcés de Poesía da Deputación

A obra presentada baixo o título "A falsa autónoma", que unha vez aberta a plica resultou ser da autoría de Yolanda Castaño, é a gañadora do XXI Premio González Garcés de Poesía da Deputación da Coruña.

O xurado, que se reuniu esta mañá, estivo formado polas poetas Pilar Pallarés, Alba Cid, Susana Sánchez Aríns, Ismael Ramos e Daniel Asorey –este último gañador da anterior edición do premio xunto a Lupe Gómez-, e presidido polo deputado de Cultura, Xurxo Couto. Como secretaria actuou a xefa do Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes, Mercedes Fernández-Albalat Ruiz.

No seu informe, o xurado valorou "o tratamento temático das vidas precarizadas, facendo fincapé no eido laboral e cultural desde unha marcada perspectiva de xénero".

Indica, ademais, que considera "positiva a orixinalidade do tema, escasamente abordado na poesía galega." No plano formal, salienta "a ironía no discurso, as referencias meta-literarias e a pericia na construción do poema"

Yolanda Castaño convértese, deste xeito, na última incorporación á nómina de gañadoras do González Garcés de Poesía da Deputación da Coruña entre as que se contan nomes como os de Lupe Gómez, Daniel Asorey, Eli Ríos, Lorena Conde, Luz Pozo Garza, Xosé María Álvarez Cáccamo, Marta Dacosta ou Estevo Creus.

Yolanda Castaño
Yolanda Castaño (Santiago de Compostela,1977) é poeta, filóloga, tradutora, videocreadora e xestora cultural coa súa propia residencia para escritores e escritoras na Coruña. Desde 2009 dirixe obradoiros literarios, obradoiros internacionais de tradución poética, festivais e ciclos de poesía sempre con autores e autoras galegas e internacionais.

Entre outros recoñecementos, recibiu o Premio Nacional da Crítica 1999, Premio Espiral Maior 2007, Premio Ojo Crítico 2009, Premio Fundación Novacaixagalicia, Premio Irmandade do Libro "Autora do Ano" 2014 ou Premio Estandarte ao Mellor Poemario publicado en España en 2020. Conta con 6 poemarios individuais, edicións bilingües galego-castelán, libros publicados en inglés, francés, italiano, serbio, macedonio e armenio, plaquettes editadas en alemán, francés, croata, macedonio e chinés, varias antoloxías e libros de poesía para crianzas. Tamén ten obra publicada como biógrafa, editora e tradutora de poetas contemporáneas.

O seu último poemario publicado é "Materia" (2022); o último dirixido á rapazada "Paleta Planeta" (2021); a última tradución "Second tongue" (2020); e a última antoloxía bilingüe galego-castelán "Un cobertizo lleno de significados sospechosos" (2020)

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X