Estás en:Emprego Novas

A Deputación licita as obras de construción dunha senda peonil de 1,8 quilómetros na contorna do aeroporto de Alvedro

Conectará os núcleos de Alvedro e Tarrío ao seu paso por Liñares e suporá un investimento de 522.692,67 euros

A Deputación licita as  obras de construción dunha senda peonil de 1,8 quilómetros na contorna do aeroporto  de Alvedro

A Deputación da Coruña abriu a licitación da obras de construción dunha senda peonil na estrada DP-3104 ao seu paso polo núcleo de Liñares (Culleredo), na contorna do aeroporto de Alvedro.

Unhas obras nas que a institución provincial investirá 522.692,67 euros, aos que se suman os 11.899 € que se destinan ás expropiacións necesarias para a súa execución. O prazo de presentación de ofertas está aberto ata o 24 de outubro.

As obras suporán a construción dunha senda peonil de preto de 1,8 quilómetros de lonxitude, que partirá da Igrexa antiga de Santo Estevo (Tarrío) e rematará na intersección da DP 3104 coa estrada N-550 en Alvedro.

Segundo explicou o alcalde da localidade e deputado provincial, José Ramón Rioboo, a área de Vías e Obras da Deputación "atende coa licitación deste proxecto unha antiga reivindicación do Concello de Culleredo e da veciñanza de Liñares para mellorar a seguridade peonil nun núcleo que, a pesar de contar con numerosas vivendas nas marxes da estrada, carecía ata o de agora dun itinerario peonil seguro".

A infraestrutura terá dúas tipoloxías diferenciadas. Na zona onde hai vivendas (entre os PK 1+360 e 2+305) estará construída con lastro prefabricado de formigón sobre base de lastre, agramasa e formigón; mentres que no resto da obra construirase con aglomerado asfáltico, a medio metro da marca viaria do borde actual da estrada. Nos cruces de rúas, o lastro de formigón será substituído por pavimento de lastro de pedra natural.

Durante as obras será necesario executar algúns muros e retranquear o eixe da estrada en dous tramos: na zona da parada do bus existente entre os 1+393 e 1+509 e na zona comprendida entre os quilómetros 1+609 e 1+837, onde se desmontará o noiro existente e se executará un muro de cachotería na marxe esquerda, ampliando un metro o ancho da estrada para conseguir un itinerario accesible na senda. Nestes tramos dotarase de nova capa de rodaxe a toda a calzada.

A senda contará a longo do seu percorrido con rede de recollida de pluviais con tubaxes de PVC e os correspondentes pozos de rexistro e sumidoiros. Tamén se reporán algúns servizos afectados polas obras coma determinados tramos de saneamento e algúns postes do alumeado público.

Finalmente, renovarase a sinalización vertical e horizontal de todo o tramo, instalando o balizamento e proteccións necesarias.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X