A Deputación da Coruña investiu 21 millóns de euros para reforzar os programas sociais dos concellos
Concellos coruñeses comparten experiencias de boas prácticas no eido social nunha xornada organizada pola Deputación
Programas municipais de prevención da soidade non desexada, envellecemento activo, eliminación de barreiras ou vivenda social contan co apoio da Deputación
Alcaldesas, alcaldes e responsables técnicos e políticos das áreas de Servizos Sociais dos concellos coruñeses reuníronse hoxe na sede da Deputación para compartir ideas e experiencias de boas prácticas no ámbito social que os municipios da provincia están a desenvolver con cargo ao Fondo Social do Plan Único.
A xornada foi inaugurada pola deputada de Benestar Social, Ana Lamas, que destacou que, en dous anos, a Deputación destinou 21 millóns de euros do Plan Único ao reforzo dos programas sociais dos 93 concellos da provincia.
Lamas lembrou que "a idea de darlle ao Plan Único, o principal programa de investimentos da Deputación, unha nova dimensión social naceu en 2021 coas necesidades da pandemia" e, desde entón, "demostrouse nunha ferramenta útil e eficaz para os concellos, que permitiu financiar centos de programas sociais que melloran a vida das persoas máis vulnerables en cada concello da provincia".
Ampliación dos Servizos de Axuda no Fogar (SAF), reforzo do cadro de persoal nas áreas sociais dos concellos, programas de respiro familiar e conciliación familiar e laboral ou programas de axudas a familias en situación de especial vulnerabilidade ou con escasos recursos, son algúns dos programas que os concellos coruñeses financian co apoio da Deputación
Lamas lembrou que a Deputación da Coruña "reforzou nos últimos dous anos todos os seus programas sociais" e que, xunto coas accións de creación de emprego e reactivación económica son "unha prioridade estratéxica" do goberno provincial de Valentín González Formoso.
Boas prácticas
Os responsables políticos e técnicos dos concellos tiveron oportunidade de coñecer polo miúdo e compartir experiencias de boas prácticas que, no eido social, están desenvolvendo algúns concellos da provincia co apoio da Deputación, como o programa de eliminación de barreiras do Concello de Frades, o programa de prevención da soidade non desexada que se está realizar en Vimianzo, Ortigueira e Muros; o programa de envellecemento activo do Concello de Carnota, o programa de atención temperá do Concello de Curtis, o Banco de axudas técnicas de Cerceda ou os programas de vivenda social de Cabana de Bergantiños e A Pobra do Caramiñal.
Ao igual que sucede cos fondos convencionais para obras e servizos do Plan Único, son os concellos os que deciden as súas prioridades á hora de investir os recursos consignados deste POS Social.
Dos máis de 21 millóns de euros que a Deputación destinou nos últimos dous anos a reforzar os servizos sociais municipais, algo menos da metade foron destinados a reforzar os Servizos de Axuda no Fogar (SAF), o que amosa a importancia que os concellos dan a este servizo fundamental de apoio a persoas maiores e a necesidade de reforzar o persoal e medios cos que contan.
Tamén destacan os fondos do Plan Único que os concellos destinan a ampliar as partidas económicas que teñen consignadas para os seus programas de protección e axuda social e os destinados á contratación de persoal.