A Deputación ofrece apoio económico ao Banco de Alimentos de Santiago de Compostela
A deputada de Benestar Social, Ana Lamas, e o responsable da entidade, José Pita, asinaron hoxe o convenio polo que a administración provincial aporta 30.000 euros para a compra de alimentos
Lamas destacou "a labor social tan fundamental que desempeña esta entidade, sobre todo nun contexto socioeconómico como o actual"
A Deputación da Coruña dedica 30.000 euros para axudar ao Banco de Alimentos de Santiago na adquisición de víveres de primeira necesidade destinados ás persoas en situación vulnerable da zona sur da provincia da Coruña.
A deputada de Benestar Social, Ana Lamas, e o responsable do Banco de Alimentos de Santiago, José Pita, asinaron hoxe o convenio que ratifica a achega provincial e que supón o 80% do orzamento total que a entidade destina para a compra de alimentos, que ascende a 37.500 euros.
Na sinatura do acordo, Lamas destacou "a labor social tan fundamental que desempeña esta entidade, sobre todo nun contexto socioeconómico como o actual, marcado pola alza dos prezos, que está a afectar a todos os fogares e familias". "Durante o ano 2021 o número de usuarios e usuarias do Banco de Alimentos de Santiago ascendeu a 7.325 beneficiarios e desde a entidade avisan de que no 2022 estase notando un incremento, polo que é máis necesario que nunca que as administracións nos impliquemos de xeito activo na medida das nosas posibilidades", afirmou a deputada.
Ao longo do ano, os seus 25 voluntarios e voluntarias desenvolven actividades de captación e reparto de alimentos. Dentro das súas tarefas inclúense tamén campañas de concienciación en empresas, centros educativos e sociais ou entre a poboación xeral sobre os problemas derivados da escaseza de alimentos e a falla de recursos necesarios para poder vivir unha vida digna.
Os alimentos recollidos por este Banco proceden de donativos de empresas alimentarias na meirande parte. Esta entidade examina os víveres que recibe cun minucioso control de calidade, clasifícaos e almacénaos para o seu posterior reparto, que selecciona segundo as necesidades de cada centro asistencial, co fin de facer chegar en perfectas condicións de consumo os alimentos ás persoas e familias. O Banco está en permanente en contacto coas institucións benéficas, tanto de consumo como de reparto, co fin de coñecer cales son as súas necesidades.