Formoso destaca en Noia a importancia de “non estigmatizar” as enfermidades mentais e “avanzar na inclusión e mellora da calidade de vida das persoas que as padecen e as súas familias”
Na semana en que se conmemora o Día da Saúde Mental, Valentín González Formoso visitou a sede noiesa da Creba para coñecer as actividades que desenvolve a entidade co apoio da Deputación
A Deputación financia a compra dunha vivenda tutelada da Asociación Saúde Mental A Creba
18 persoas residen nos pisos tutelados e 70 participan nas actividades dos centros de rehabilitación psicosocial de Noia e Ribeira
O presidente entregou ao Club de Remo de Noia un novo vehículo para o transporte dos deportistas e embarcacións
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou hoxe as instalacións que ten no Concello de Noia a Asociación Saúde Mental A Creba, que atenden a persoas con enfermidades mentais, entre as que se atopa unha vivenda tutelada que conta co financiamento da administración provincial.
Formoso realizou esta visita na semana na que se conmemora o Día Internacional da Saúde Mental Formoso e estivo acompañado polo presidente e a coordinadora da Creba, Xosé Ramón Girón e Covadonga Rodríguez, o alcalde de Noia, Santiago Freire, as deputadas, Sandra González e Cristina Capelán e as concelleiras de Servizos Sociais, Marisol Villar e Deportes, Laura Salgado.
A Asociación Saúde Mental A Creba xestiona 4 vivendas protexidas, unha delas cedida polo Concello de Noia. Destas, a única que é da súa propiedade é a que foi recentemente adquirida co apoio económico da Deputación, e que está situada na zona urbana de Noia, próxima a outro dos pisos protexidos.
Segundo explicaron os responsables da entidade, trátase dun primeiro piso con ascensor e rampla para cadeira de rodas, está completamente equipado e amoblado e conta con cinco dormitorios, un amplo salón individual ao carón da entrada, dous baños completos, un deles adaptado, unha ampla e luminosa cociña.
"Nestes pisos tutelados residen en total 18 persoas e o obxectivo da asociación é ofrecer unha alternativa residencial a persoas con discapacidade a consecuencia de trastornos mentais que presenten un problema social de aloxamento ou que precisen un cambio na convivencia, promovendo e apoiando a súa integración social e familiar, ofrecendo os apoios necesarios para mellorar o seu funcionamento psicosocial e posibilitando a maior autonomía e independencia posible", explicaron os responsables da entidade.
Ademais, os usuarios e usuarias dispoñen dun teléfono de atención directa que funciona 24 horas ao día os 365 días do ano e reciben visitas diarias das supervisoras da entidade.
Valentín González Formoso eloxiou o labor que realiza A Creba a través dos pisos tutelados, que "funcionan como un apoio imprescindible para as familias dos usuarios e usuarias" e que "promoven unha melloría palpable na súa calidade de vida, dándolles as ferramentas necesarias para realizar a súa integración total na comunidade".
Formoso sinalou a importancia de "non estigmatizar" as enfermidades mentais e "avanzar na inclusión, apoio e mellora da calidade de vida das persoas que as padecen e as súas familias".
Apoio á rehabilitación psicosocial e laboral
A Deputación da Coruña tamén colabora, a través das liñas de axudas de Benestar Social, co financiamento da actividade dos dous centros cos que conta a Asociación Saúde Mental A Creba, un situado en Noia e outro en Ribeira.
En total, entre os dous centros, atenden a case 70 persoas. No de Noia hai 40 persoas no Centro de Rehabilitación Psicosocial e 8 persoas no Centro Ocupacional mentres que en Ribeira contan con 20 usuarios e usuarias. Estas instalacións funcionan como centro de día, de rehabilitación social, de formación para o emprego e a inserción laboral. Ademais, ofrecen as familias servizos de axuda a domicilio, atención no rural...
Segundo sinalan desde a entidade, unha das súas principais necesidades é o transporte, co que a Deputación colabora a través da compra de vehículos, para trasladar ás instalacións de Noia e Ribeira a usuarios de toda a comarca do Barbanza.
En total, a Deputación da Coruña apoia, a través das diferentes liñas de subvención da área de Benestar Social, a 269 entidades de toda a provincia. "Este tipo de axudas permítennos financiar actividades ou investimentos de entidades como A Creba, que desenvolven unha gran labor social e cobren necesidades e situacións ás que as administracións non podemos chegar directamente, por iso son tan importantes", sinalou Formoso.
Fundada en 1994 por iniciativa dun grupo de profesionais e familiares de persoas afectadas por enfermidades mentais, A Creba é hoxe un dos centros de referencia en Galicia no seu ámbito.
Entrega de vehículo ao Club de Remo de Noia
Formoso aproveitou a visita a Noia para facer entrega ao Club de Remo local dun novo vehículo para o transporte dos deportistas e embarcacións. O presidente provincial visitou as instalacións do club acompañado da presidenta da entidade, María Jesús Blanco e o adestrador, Benito Horta.
Alí destacou que "este é o décimo vehículo que entregamos a unha entidade deportiva este ano" e salientou "o gran traballo que realizan clubs como este de Noia, que conta con case un centenar de deportistas federados, fomentando disciplinas como o remo, na que Galicia é claramente unha potencia, e ademais favorecendo entre os máis novos uns hábitos saudables e uns valores moi positivos como son todos os ligados ao deporte".
A furgoneta conta con nove prazas, das cales dúas son adaptadas para deportistas que conten con discapacidade física.
O Club de Remo de Noia conta con outros materiais como embarcacións e remolques para transportar as adquiridas coa colaboración económica da área de Deportes da Deputación.