A Deputación adxudica por 1,1 millóns de euros as obras de construción dunha senda peonil de máis de 3 km en Centroña (Pontedeume)
A senda mellorará a seguridade dos peóns na transitada estrada provincial que conecta Pontedeume e Miño ao seu paso polos núcleos de Ventosa, Vizus, O Portiño e Centroña
A Deputación da Coruña acolleu hoxe a sinatura do contrato para a execución das obras de construción dunha senda peonil de máis de 3 quilómetros de lonxitude que conectará os núcleos eumeses de Ventosa, Vizus, O Portiño e Centroña, no concello de Pontedeume, garantindo a seguridade dos peóns que transitan polas marxes da estrada DP 4803.
As obras foron adxudicadas por 1.108.202 euros e teñen un prazo de execución de catro meses.
As obras permitirán mellorar a seguridade nunha estrada provincial que rexistra un elevado volume de tráfico diario, pois conecta os concellos de Miño e Pontedeume pola costa e dá acceso a numerosas praias do municipio.
O alcalde de Pontedeume e portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández, destacou a posta en marcha dunhas obras moi demandadas pola veciñanza desde hai anos e que suporá "unha mellora importante da seguridade para as numerosas persoas que se desprazan a pé pola zona para ir ás praias, ao cemiterio ou ao local social e que ata agora tiñan que transitar pola estreita marxe da calzada", afirmou.
O rexedor eumés sinalou tamén que as obras supoñen "a última fase de construción das sendas que comunican Pontedeume con Miño. As primeiras foron hai décadas no Concello de Miño, en 2015 construíuse o tramo que conecta Perbes con Boebre e agora toca este último tramo, polo que unha vez rematadas as obras a estrada contará cunha senda na súa totalidade", indicou.