Lois Pérez gaña o Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil da Deputación
O xurado valora o tratamento literario da realidade actual da emigración na obra "A tribo do mar"
O xurado do XVI Premio "Raíña Lupa" de literatura infantil e xuvenil da Deputación da Coruña acordou conceder o galardón á obra "A tribo do mar", que unha vez aberta a plica resultou ser da autoría de Lois Pérez.
O xurado desta edición estivo composto por cinco escritoras e escritores de diferentes xeracións e cuxas obras figuran entre as máis lidas polo público infantil e xuvenil en Galiza, como son Fina Casalderrey, Marcos Calveiro, Antía Yáñez, Érica Esmorís e a gañadora da última edición, Andrea Maceiras. A reunión estivo presidida polo deputado de Cultura, Xurxo Couto, e en calidade de secretaria actuou a xefa do Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes, Mercedes Fernández-Albalat Ruiz. Tamén estivo presente, sen voz e sen voto, a comisaria dos premios literarios da Deputación, Susana Pedreira.
No seu informe o xurado salientou que a obra gañadora está conformada "por diferentes voces que se enfían para amosar un relato que recolle a realidade actual da emigración". Tamén anota que "A tribo do mar" está narrada "cun estilo áxil e atractivo para o público xuvenil ao que vai destinada".
Convén lembrar que neste 2022, a convocatoria deste premio compleméntase coa posta en marcha do club de lectura da Raíña Lupa baixo o lema "Non hai idade, hai literatura". A iniciativa, coordinada pola gañadora da anterior edición do Premio Raíña Lupa, Andrea Maceiras, está tendo lugar na Biblioteca provincial da Coruña, os últimos venres de mes. Así, o venres 28 de outubro o encontro lector estará protagonizado por Ledicia Costas e Manuel Rivas, e na xornada de peche, o venres 25 de novembro o encontro será coa propia Andrea Maceiras.
Sobre Lois Pérez
Lois Pérez (Lugo, 1979) é mestre, contador de historias, poeta, escritor e guionista.
No eido da literatura xuvenil, con «A gruta da torre» (Xerais, 2022), gañou o V Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade.
No eido da dramaturxia, gañou en 2008 o Premio de Teatro Radiofónico da Radio Galega con «Saltimbanqui» (Xerais, 2008), dirixida e adaptada por Quico Cadaval. Como poeta, publicou «LP» (2013) e «Long Play» (Xerais,2017), e gañou o Premio aRi[t]mar ao mellor poema editado en Galicia nese ano por «Blues do rei Bergman=B.B. King».
Fai parte do Comité de Redacción da revista Luzes,e como guionista e narrador, participou en Acorda, cartografía musical da represión fascista na provincia de Pontevedra, dirixido por Uxía e que contou coa participación de Tanxugueiras, Ugía Pedreira e outras/os artistas do país. Coordina a Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG e, no eido do ensino público, traballou e promoveu diferentes proxectos de innovación na normalización lingüística do galego na escola, premiados todos eles por organismos oficiais e institucións diversas.
Escribe de rock and roll e literatura no suplemento cultural «Táboa Redonda», que se publica os domingos co Progreso de Lugo e o Diario de Pontevedra.