A Deputación financia con 75.000 euros a reurbanización exterior da parcela da antiga Casa da Azucreira de Padrón
O proxecto contempla a creación de espazos verdes, dunha rampla exterior, de sendas peonís e dun quiosco de música
Valentín González Formoso e o alcalde de Padrón, Antonio Fernández, asinaron hoxe o convenio polo que a administración provincial sufraga o 70% da actuación
A Deputación da Coruña destina 75.000 euros para financiar o proxecto para a reurbanización exterior da parcela da antiga Casa da Azucreira, situada na parroquia de Iria Flavia, no Concello de Padrón.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde de Padrón, Antonio Fernández, asinaron hoxe o convenio polo que a administración provincial achegará 75.000 euros, o 68,2% do orzamento total da obra, que ascende a 109.959,55 euros.
Os traballos que se han levar a cabo na parcela permitirán a creación de zonas verdes, dunha rampla exterior, de sendas peonís e dun quiosco de música. Especifícase que non forman parte deste proxecto as obras de urbanización relativas á rampla de acceso á Casa da Azucreira nin as conexións ás redes de abastecemento e saneamento, xa que estas obras contémplanse nun proxecto de acondicionamento interior do edificio que será tamén cofinanciado pola institución provincial con cargo ao Plan Único.
O tempo estimado de duración dos traballos desde o seu inicio é de tres meses