A Deputación financia con 70.000 euros os traballos de retellado e mellora na accesibilidade na Casa do Concello de Porto do Son
O proxecto contempla garantir a impermeabilidade da cuberta do edificio, así como a creación dunha rampla que garanta o seu acceso ás persoas con mobilidade reducida
Valentín González Formoso e o alcalde da localidade, Luis Oujo Pouso, asinaron hoxe o convenio polo que a administración provincial sufraga o 80% da actuación
A Deputación da Coruña destina 70.000 euros para financiar as obras de retellado e mellora na accesibilidade na Casa do Concello do Porto do Son.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde da localidade, Luis Oujo Pouso, asinaron hoxe o convenio polo que a administración provincial achegará 70.000 euros, o 80%% do orzamento total da obra, que ascende a 87.500 euros. No acto participou tamén o deputado de Patrimonio e Contratación, Xosé Lois Penas.
As obras que se han realizar focalízanse en dous puntos, fundamentalmente. O primeiro, para garantir a impermeabilidade da cuberta do edificio municipal, dado que conta cunha antigüidade de máis de 48 anos, sendo imprescindible o acondicionamento e illamento do tellado ante as fortes choivas.
A segunda actuación é a formación dunha rampla que garanta a accesibilidade á edificación para persoas con mobilidade reducida, asegurando a entrada á planta baixa da Casa do Concello, que nestes momentos posúe unha porta de acceso desde unha gran rampla cun elevado número de chanzos, o que imposibilita a correcta accesibilidade.