Estás en:Emprego Novas

A Deptuación acolle o sábado 19 de novembro a xornada formativa para músicos e músicas previa ao Premio ‘Narf’

A xornada incluirá relatorios de Jordi Lauren, CEO de PlayPlan; Ania González, avogada especialista en dereito da cultura; e Andrea Villa, experta en comunicación cultural

A final do Premio Narf terá lugar no seo dunha gala no Teatro Colón da Coruña o 11 de decembro ás 19.00h, que será retransmitida en directo a través do canal de Youtube da área de Cultura da Deputación da Coruña

A Deptuación acolle o sábado 19 de novembro a xornada formativa para músicos e músicas previa ao Premio ‘Narf’

O sábado 19 de novembro terá lugar a xornada formativa para músicos e músicas dentro das actividades paralelas do Premio Fran Pérez 'Narf' para grupos e artistas musicais. A xornada, que comeza ás 10.30 da mañá, terá lugar na sala Juanjo Gallo da Deputación e incluirá as seguintes conferencias:

  • Andrea Villa: Experta en comunicación cultural. No mundo da música ten traballado en festivais como Reperkusión, Revenidas ou SonRías Baixas e con bandas como Tanxugueiras ou LaMontagne & PicoAmperio.
  • Ania González: "Coida os teus dereitos". Avogada especializada en dereito da cultura e propiedade intelectual.
  • Jordi Lauren: "Claves para unha carreira musical a longo prazo". CEO de PlayPlan, detrás do fenómeno Tanxugueiras, ademais do festival SonRías Baixas, entre outros proxectos.

A xornada está aberta a todo o sector cultural. A inscrición está aberta ata o 16 de novembro aquí: https://premionarf.gal/o-concurso/xornada-formativa/

Gala final do Premio Narf
A final do Concurso Fran Pérez "Narf" para grupos e artistas musicais que promove a Deputación da Coruña terá lugar o domingo 11 de decembro no Teatro Colón da Coruña ás 19.00 horas nun espectáculo aberto ao público que tamén será retransmitido en directo a través do canal de Youtube de Cultura da Deputación da Coruña. Nel participarán as tres bandas finalistas: Madalena Gamallo, Mallou e Noar, ademais de Berto, o grupo convidado, nun acto que estará conducido polo xornalista Luís Pardo.

O Concurso Fran Pérez "Narf" de música ten o obxectivo de difundir, apoiar e promocionar os grupos e artistas musicais das diferentes comarcas e localidades galegas, así como lembrar e difundir socialmente a figura e a o obra do músico e compositor Fran Pérez "Narf". Algunhas das bandas gañadoras deste premio son Mounqup, Bala ou Familia Caamagno, entre outros.

O xurado que elixiu os finalistas e escollerá os gañadores está formado por Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña, como presidente; ademais do xornalista e director do Festival de Cans Alfonso Pato; o crítico musical Fernando F. Rego; os músicos Marcos Teira e Marisol Palomo -tamén xestora cultural-; e a mánager e xestora cultural Inés Portela.

As bandas finalistas

MADALENA GAMALHO é unha vocalista e compositora que destaca, segundo o xurado "pola súa calidade musical e polo coidado da súa proposta". Con formación clásica, formou parte de Nota Bene, do coro Vía Sete, e das bandas Os Meninos e Laroá. Está a presentar o seu álbum de estres, 'Invento', xunto o músico e produtor Iván Barreiro, cun proxecto que integra letras e melodías que invitan a conmover, conectar e reflexionar sobre o ser, a vida e as súas contradicións, dende universo sonoro moi ecléctico e atrevido, que recibe influencias de pop, rock, funk e world music.

MALLOU son Sabela Rey Bello e Benxamín Vázquez. Deles o xurado destacou "a contemporaneidade dos sons de raíz e as influencias narfianas". Xuntos fan unha viaxe conxunta e individual dende músicas lonxanas, dende as linguaxes da música americana de raíz: country, blues e soul ata a música galega. Sabela e Benxamín achegan un repertorio onde entrelazan cancións que forman parte do ideario musical galego con creacións e composicións propias, cunha profunda inspiración na maneira de crear de referentes como Fran Pérez, Narf; sentindo a música como elemento de encontro entre xéneros, estilos e realidades.

NOAR é un proxecto de Iago Marta e & Rubén Fernández de quen o xurado salientou "a proposta arriscada que desde o jazz busca unha voz propia e orixinal". Comeza a tocar xuntos en 2013, pero non é ata 2019 cando forman Noar, publicando un traballo ('Ao vivo') en 2020. Desde entón teñen participado en diferentes festivais por toda a Península.

Toda a información en https://premionarf.gal

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X