Estás en:Emprego Novas

A Deputación adxudica os traballos de ampliación, renovación do firme e saneamento da DP-0510 en Orro, Culleredo, por 1.754.588 euros

Intervirase nun total de 3 quilómetros de estrada, mellorando os accesos aos núcleos de Figueiras e As Caíñas e creando unha senda peonil para mellorar o tránsito dos viandantes

A Deputación adxudica os traballos de ampliación, renovación do firme e saneamento da DP-0510 en Orro, Culleredo, por 1.754.588 euros

A Deputación da Coruña adxudicou os traballos de ampliación, renovación do firme e saneamento da DP-0510 en Orro, Culleredo, por importe de 1.754.588,69 euros. Renovación, ensanche e mellora do trazado serán asumidas polo ente provincial, mentres que o saneamento correrá a cargo do Concello de Culleredo.

Intervirase nunha superficie total de 3 quilómetros da vía que une Confurco e Orro, mellorando os accesos aos núcleos de Figueiras e As Caíñas, creando unha senda peonil para mellorar o tránsito dos viandantes e facelo máis seguro.

Na actualidade, esta vía ten un ancho de cinco metros e medio e carece de beiravías, o cal impide unha correcta seguridade viaria. Para solucionalo, ampliarase a plataforma para dotala de dous carrís de tres metros cada un, e beirarrúas de medio metro, así como de cunetas de seguridade.

Co obxectivo de favorecer o tránsito dos viandantes entre os distintos inmobles que se sitúan a ambas marxes da estrada, crearase a devandita senda peonil, que terá dous metros de ancho. Ademais, nas zonas onde o ancho de vía o permita, aproveitarase para crear un aparcadoiro en batería.

O proxecto tamén prevé a mellora dos accesos e interseccións, a modificación das curvas de radio moi reducido e a execución dunha nova glorieta á altura do punto quilométrico 2+000, coa fin de favorecer os cambios de sentido e eliminar os puntos de alto risco tanto para o tráfico rodado como para os viandantes.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X