Cultura da Deputación leva ao Teatro Colón un espectáculo multidisciplinar sobre o fotógrafo José Suárez
Trátase dun concerto de música escrita para guitarra eléctrica, arpa e teclado que inclúe unha montaxe de vídeocreación en vivo con fotografía orixinal dixitalizada
As entradas, de balde, poden retirarse na páxina web do Colón
O Teatro Colón acollerá o 16 de novembro, ás 20 horas, unha nova proposta apoiada polo departamento de Cultura da Deputación da Coruña. "José Suárez: Suite para unha vida" é o título do espectáculo, un concerto de música escrita para guitarra eléctrica, arpa e teclado que inclúe unha montaxe de vídeocreación en vivo con fotografía orixinal dixitalizada.
O proxecto conta coa dirección artística do músico Rafael Fernández, con quen colabora o sobriño do histórico fotógrafo galego nacido en Allariz, Xosé Luis Suárez Canal. Sobre o escenario estarán o propio Fernández e Virxilio da Silva (guitarras eléctricas), Bleuenn Le Friec (arpa) e Álex Salgueiro (teclados), axudados por Iván Torres (visuais) e Fon Botana (son).
"A nosa idea", explican os creadores, "é a de homenaxear a vida e a obra de José Suárez, talvez o fotógrafo galego máis recoñecido internacionalmente. Durante o espectáculo, o público asistirá a un percorrido en catro partes pola vida e obra do artista: Galicia e as fotografías de mariñeiros, o exilio, a súa estadía en Xapón e o seu regreso a España e morte".
"Cada un deses camiños", engaden, "está pensado para ofrecer unha dimensión maior do que foi a vida e a obra de Suárez. Farémolo grazas a unha música atmosférica e por momentos descritiva, sustentada e inspirada nas fotografías. Tamén empregaremos pequenos fragmentos de textos do propio Suárez, así como doutros intelectuais do seu tempo cos que se relacionou, entre eles Unamuno e Blanco Amor".
As entradas, de balde, poden retirarse na páxina web do Teatro Colón.