Estás en:Emprego Novas

“Ni luz ni llanto”, a obra gañadora do Torrente Ballester en lingua castelá, preséntase na Coruña o 17 de novembro

A primeira presentación pública desta obra terá lugar na librería Arenas, ás 19:30 h

Contará coa participación da autora madrileña, María Cureses, da xornalista e comisaria do premio, Susana Pedreira, e do deputado de Cultura, Xurxo Couto

“Ni luz ni llanto”, a obra gañadora do Torrente Ballester en lingua castelá, preséntase na Coruña o 17 de novembro

"Ni luz ni llanto", a obra coa que María Cureses se alzou co Premio Torrente Ballester de narrativa en lingua castelá 2021, preséntase en sociedade o vindeiro xoves, 17 de novembro, na Coruña. A cita terá lugar na librería Arenas, ás 19:30h, e acompañando á autora madrileña estarán a xornalista e comisaria dos premios literarios da Deputación, Susana Pedreira, e o deputado de Cultura, Xurxo Couto.

"Ni luz ni llanto", editada por La Umbría y la Solana, xa está nas librarías de todo o país. A novela de María Cureses foi proposta como gañadora por maioría por un xurado composto en 2021 polos escritores Ignacio Martínez de Pisón, Dores Tembrás e Domingo Villar, a xornalista Lucía Taboada e a gañadora deste premio na edición 2020, Clara Escajedo.

No seu informe o xurado salientara "a riqueza expresiva da novela e a técnica narrativa coa que achega o tema da violencia contra a muller en Ciudad Juárez, nunha obra que fala da inxustiza, o duelo e a vinganza".

O Premio Torrente Ballester de narrativa é un dos máis veteranos dos que convoca a institución provincial – en 2021 acadaba a edición XXXIII- e tamén un dos máis prestixiados que, desde o ano 2016, se convoca en dúas modalidades, en lingua castelá e en lingua galega. Na edición de 2021 a gañadora e o gañador de ambas modalidades, María Cureses e Raúl M. Santos, son unha autora e un autor que comparten a singularidade de estar comezando a abrirse camiño no mundo literario

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X