Estás en:Emprego Novas

Xosé Regueira avoga en Xantar por promover ‘A provincia que sabe’ entre o turismo de proximidade

O vicepresidente e deputado de Turismo asegurou durante a súa intervención institucional que "agora que comeza a mal chamada tempada baixa, é o momento para darnos a coñecer no resto do país e apostar polo turismo interior e de proximidade

A área de Turismo da Deputación da Coruña está a participar no 23 Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar cun stand propio, onde promociona produtos e gastronomía de varios concellos da provincia

Xosé Regueira avoga en Xantar por promover ‘A provincia que sabe’ entre o turismo de proximidade

O vicepresidente da Deputación da Coruña e deputado de Turismo, Xosé Regueira, participou está mañá no Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar, en Ourense, cunha intervencion institucional na que reivindicou os valores de calidade e sustentabilidade de 'A provincia que sabe', a marca promocional que o seu departamento vén de botar a andar.

"Agora que comeza a mal chamada tempada baixa, é o momento para darnos a coñecer no resto do país e apostar polo turismo de interior e de proximidade" asegurou Xosé Regueira. O vicepresidente asegurou que, neste sentido, Xantar é un dos escaparates máis acaídos para este tipo de promoción destinada ao visitante máis próximo.

Xosé Regueira cualificou a presenza da Área de Turismo da Deputación da Coruña en Xantar como "un clásico", e engadiu que "este ano ademais forma parte da semana máxica que iniciamos no Fórum Gastronómic de Barcelona, continuamos aquí en Ourense e remataremos o domingo en Etiqueta Negra en Pontevedra da man da cociñeira con Estrela Michelín Beatriz Sotelo". O vicepresidente aproveitou tamén para poñer en valor a capacidade de cociñeiros e cociñeiras, e de produtores e produtoras para "destacar en eventos moi competitivos e moita categoría como o Fórum de Barcelona, onde foron quen de abrir mercados e volver para a casa con novas canles de negocio".

Ao igual que en anos anteriores, Turismo da Deputación da Coruña conta cun stand institucional en Xantar onde dá cabida a degustacións de produtos procedentes de diversos xeodestinos da provincia. Nesta edición, xa pasaron polo stand da Deputación productos procedentes de A Capela, Vimianzo, Pontedeume e Mazaricos. Entre a xornada deste venres e o domingo, daranse a coñecer produtos procedentes de Moeche, Arzúa, Carballo, San Sadurniño, Muxía, Cariño, O Pino e Ortigueira.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X