Estás en:Emprego Novas

A Deputación da Coruña aproba investimentos por 1,5 millóns en estradas provinciais de Ferrol, Cedeira e Toques

A Deputación da Coruña aproba investimentos por 1,5 millóns en estradas provinciais de Ferrol, Cedeira e Toques

O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe por unanimidade investimentos por 1,5 millóns en estradas provinciais de Ferrol, Cedeira e Toques. Trátase da 3ª e última fase das obras de mellora da travesía de Aneiros a Cabana, en Ferrol; a actualización de prezos obras mellora do trazado da DP 2206 en Rego de Tide (Cedeira), e o proxecto de mellora da seguridade peonil na DP 4604 en Toques.

No caso de Ferrol, o pleno aprobou do proxecto actualizado para a terceira fase das obras de ampliación da calzada e construción de beirarrúas na estrada DP-3612, que corresponde ao núcleo da Cabana, que conta cun orzamento de 687.080,27 euros.

Esta actuación dará continuidade aos traballos realizados en Serantes, onde a primeira fase das obras xa está executada e a segunda fase a piques de rematar, estando previstas as últimas tarefas de pavimentación da vía no vindeiro mes de decembro.

Nesta nova fase, as obras desenvolveranse entre os puntos quilométricos 1+180, coincidindo coa intersección coa estrada a Balón, e 1+640 e incluirán a ampliación da calzada ata os 7 metros de ancho con beiravías de 0,5 metros e construción de beirarrúas de dous metros de ancho que contribuirán a mellorar a seguridade peonil nunha zona con numerosas vivendas que rexistra un intenso tráfico de vehículos.

O proxecto, que incorpora expropiacións, inclúe tamén a renovación dos servizos afectados (rede de saneamento e abastecemento de auga) e a instalación de nova iluminación con novas luminarias LED, máis eficientes e con menor consumo eléctrico que as actuais lámpadas de vapor de sodio.

Cedeira

No caso de Cedeira, a Deputación aprobou unha revisión de prezos que incrementa ata os 406.000 euros o orzamento das obras para mellorar a seguridade viaria na estrada DP 2206 en Rego de Tide

Trátase dunha vía moi transitada, tanto para a veciñanza como para os visitantes, xa que da acceso a San Andrés de Teixido, un lugar turístico ao que ao largo do ano se traslada un gran número de autobuses.

A actuación, que se levará a cabo entre os puntos quilométricos 0+920 e 1+220, ten como obxectivo eliminar unha curva perigosa que tiña un radio moi reducido, ampliar a sección e incrementar de xeito notable a visibilidade. O novo trazado implica tamén a construción dun terraplén e a creación dunha obra de drenaxe transversal en marco de formigón armado para dar continuidade a un regato.

Todas estas modificacións pretenden dotar dunha maior seguridade a esta infraestrutura de carácter básico, facilitando a circulación dos vehículos que transcorren por ela a diario.

Toques

Tamén se aprobou por unanimidade un novo proxecto para a mellora da seguridade viaria na DP-4604 ao seu paso polo Concello de Toques, concretamente no lugar da Carreira e na travesía do Souto.

As obras, que suporán un investimento de 412.000 euros, continúan os traballos de mellora da seguridade acometidos pola Deputación nesta estrada ao longo dos últimos anos, que incluíron a eliminación de curvas perigosas, pavimentacións, remodelación da travesía do Souto e a construción de beirarrúas e sendas en distintos tramos para mellorar a seguridade peonil.

No lugar da Carreira a actuación proxecta agora a construción dunha nova senda peonil na marxe dereita no tramo da estrada comprendido entre os puntos quilométricos 13+130 e 13+344 e na marxe esquerda ao longo do tramo entre os puntos 13+105 e 13+340. As beirarrúas existentes na marxe esquerda serán obxecto de remodelación.

Na travesía de Souto realizarase un novo tramo da senda peonil desde o punto quilométrico 7+636 ata o 8+156, na marxe esquerda, e desde o punto 7+706 ata o 7+766, na marxe dereita. A senda colocarase ao mesmo nivel que a calzada e tamén estará separada por unha canle.

No proxecto inclúese tamén a execución dunha rede de recollida de pluviais nas zonas onde se precise, completando a rede coa prolongación das obras xa existentes para o drenaxe transversal.

A execución desta obra pretende dotar ao lugar dunha maior seguridade, tanto para o tráfico de vehículos como para os desprazamentos a pé.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X