Estás en:Emprego Novas

A Deputación da Coruña aproba un orzamento de 207,2 millóns de euros para 2023, o maior da súa historia

Terá como prioridades a creación de emprego, a protección social e a loita contra o despoboamento do rural

PSOE, BNG, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños votaron a favor do orzamento, mentres que o Partido Popular votou en contra

O Plan Único, cunha consignación inicial de 47 millóns de euros, volverá a ser o principal programa de investimentos. A área social (22,8 millóns), emprego (12,9 millóns) e obras en estradas provinciais (19,4 millóns) destacan entre as principais partidas dos Orzamentos 2023

A Deputación da Coruña aproba un orzamento de 207,2 millóns de euros para 2023, o maior da súa historia

O presidente VAlentín González Formoso e o deputado de Facenda, Antonio Leira, ao inicio do pleno

O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe, con 17 votos a favor (PSdeG-PSOE, BNG, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños) e 14 en contra do Partido Popular, os Orzamentos 2023, que ascenden a 207.198.000 euros, un 9,4% máis que o presente exercicio e manteñen a situación de "débeda cero" dos últimos oito anos.

O deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira, destacou que son os maiores orzamentos da historia da Deputación" e caracterízanse polo "rigor, a prudencia e adaptación á situación socioeconómica".

Os orzamentos 2023, destacou Leira, "priorizan o eido social, o emprego e o apoio aos concellos". "Reforzamos todas as áreas", sinalou Leira, que destacou "o aumento do 137% na área de Benestar Social no que levamos de mandato, o que evidencia o compromiso do Goberno provincial neste eido".

Leira resaltou os 74 millóns consignados para distintos plans entre os que destaca o Plan Único (47M€ de orzamento inicial) que alcanzou un "récord de investimento que permitiu financiar máis obras e mellores servizos". "Supuxo multiplicar por catro o investimento da Deputación nos concellos. Hoxe os concellos reciben entre catro e cinco veces máis", sinalou Leira.

O deputado de Facenda incidiu tamén no investimento en emprego. "Hoxe, tras un investimento de 106 millóns de euros, temos un Plan de Emprego que permitiu a contratación de 5.376 persoas, apoia a 2.062 empresas e concedeu 4.472 axudas, por importe de 20 millóns de euros, a pequenas empresas dos sectores máis afectados pola pandemia e a guerra de Ucraína, como o agrogandeiro, a pesca, o transporte ou a hostalaría, nun esforzo económico sen precedentes da Deputación da Coruña".

Leira destacou tamén o traballo de distintos departamentos de asistencia técnica, económica, xurídica e contable, "un traballo a miúdo invisible, pero importante para o funcionamento dos concellos" e lembrou o último informe do Consello de Contas "que sitúa á Deputación coruñesa á vangarda na implantación da administración electrónica".

O deputado de Facenda destacou tamén o traballo do goberno provincial para "aproveitar todas as oportunidades en relación aos fondos europeos" como a pioneira oficina de asesoramento e apoio técnico de fondos Fondos Next Generation na Capela.

Reclamou que se inclúa as deputacións no Fondo Galego de Cooperación Local, "conxelado desde hai unha década en 113 millóns para os 313 concellos de Galicia, a pesar de que a Xunta segue a derivar competencias ás administracións locais".

María Muíño, portavoz do BNG, afirmou que o orzamento "responde aos retos cos que nos atopamos" e permiten atender as necesidades "emerxentes e cambiantes" nos últimos anos.

"Cómpre dicir que soubemos estar en sintonía coas necesidades da sociedade", afirmou Muíño, que destacou o "sentido e sensibilidade" da Deputación, "un sinal de identidade do Goberno".

Segundo Muíño trátase dun orzamento "ambicioso e expansivo", definido pola capacidade de "priorizar a cohesión social e a cooperación coas entidades locais", con programas coma o Plan Único.

Muíño destacou o "compromiso decidido" do goberno provincial no eido da igualdade, que incrementa o seu orzamento nun 31% en 2023 e o apoio ás entidades. "No último mandato, a Deputación destinou máis de 135 millóns ao tecido asociativo nas áreas de Deportes, Cultura, Acción Social e Promoción Económica", apuntou.

Alberto Lema, portavoz da Marea Atlántica, sinalou que "a Deputación intenta apoiar os concellos, que é a súa finalidade básica", considerou "positivo" o incremento en Vías e Obras e sostivo que "o que proxecta está ben orientado", pero incidiu na baixa execución do orzamento ao final do exercicio.

Lema considerou que os expedientes de modificación de crédito "ralentizan a mobilización do crédito" e avogou porque "o mellor sería un orzamento inicial moito máis alto que este, no que se incluíra un anexo de transferencias máis detallado".

"Eu estou aquí para construír, non para destruír", afirmou o portavoz de Alternativa dos Veciños, Ángel García Seoane, que reclamou máis investimento na área de Vías e Obras. "É un investimento prioritario, é necesario investir máis na rede provincial de estradas que ten máis de 2.000 quilómetros, amplialas e mellorar as seguridade as conexións do rural", sostivo.

García Seoane defendeu que "no apoio ao rural é onde as deputacións teñen que actuar para mellorar a calidade de vida das persoas" e demandou máis apoio aos concellos e revisar as políticas de subvencións.

Evaristo Ben, portavoz do Partido Popular, considerou que os orzamentos teñen unha baixa execución, "son unha declaración de intencións que non van cumprir" e están "confeccionados para titulares, non para realidade".

Ben criticou que "non se identifican os investimentos en Vías e Obras" e demandou un plan de mellora de infraestruturas "transparente e claro", así como un plan de impulso provincial fronte á crise.

"Os orzamentos son decepcionantes, non achegan novidades nin solucións", apuntou o portavoz popular, que considerou que "castigan os concellos máis pequenos, non equilibran o territorio e deixan dotacións e infraestruturas no limbo".

O portavoz do Grupo Socialista, Bernardo Fernández, censurou a intervención do portavoz popular. "A súa intervención nada ten que ver coa realidade", afirmou Fernández, que acusou ao PP dunha continua "política de confrontación".

Fernández sostivo que hoxe os concellos reciben "entre catro e cinco veces máis fondos que cando gobernaba o Partido Popular". "Había un POS raquítico de 25 millóns, hoxe son 100 millóns os fondos que investimos nos concellos con criterios obxectivos", afirmou o voceiro socialista.

"Curtis pasou de 160.000 euros a 749.000 euros, Coirós de 95.000 € a 382.000 euros, Arteixo de 333.000 € a 1.922.000, A Laracha de 214.000 € a 1,4 millóns. O esforzo investidor nos concellos é moito máis elevado", concluíu o portavoz socialista.

Principais partidas por áreas

No mesmo pleno de Orzamentos, a Deputación aprobou as bases e a primeira achega do Plan Único (POS+2023), cun orzamento inicial de 47 millóns de euros. Unha cantidade que, como todos os anos, irá incrementándose progresivamente ao longo do ano para chegar a entre 90 e 100 millóns de euros de investimento en obras e servizos en todos os concellos da provincia.

O Plan Único manterá tamén a nova dimensión social que adquiriu durante a pandemia. O POS+ 2023 contará de novo cun Fondo Social de 7 millóns de euros que os concellos deberán investir exclusivamente en fins sociais como o financiamento dos servizos de atención a maiores e dependentes, axudas de emerxencia social, apoio a colectivos vulnerables, axudas para escolarización, etc.

En 2023, o Plan de Emprego Local (PEL) incrementa de novo o seu orzamento inicial un 4%, ata os 12.900.000 euros, reforzando programas como o PEL-Autónomos e PEL-Pemes, que contarán con 5,5 millóns de euros destinados a apoiar as contratacións no sector privado e a subvencionar a cota de autónomos á Seguridade Social. O programa de apoio ao emprendemento (PEL-Emprende) contará cun orzamento de 2.760.000 euros e o de contratacións nos concellos (PEL-Concellos) contará con 3.295.000 euros.

O orzamento da área de Vías e Obras increméntase un 2,87% ata os 19.415.267 euros, cos que se financiarán obras e melloras nos máis de 2.100 quilómetros da rede provincial de estradas. O Plan de Conservación (14,2 M€), os Plans de Sendas e Travesías (2.260.000 €), o de mantemento de limpeza (3,7 millóns) e o Plan VIP de investimentos (1,7 M€) son os principais programas consignados.

A Deputación incrementa tamén o investimento nas áreas de Cultura (10.281.800 €) e Deporte (5.541.550 €) cos que financiará programas fundamentais para os concellos coma a Rede Cultural, con 2 millóns de euros para financiar o maior programa de actuacións culturais da provincia, ou o apoio que a Deputación presta á Orquestra Sinfónica de Galicia, con 1.500.000 €. As bolsas para estudos de investigación e artísticos, que se incrementaron un 30% neste mandato, manteñen 479.500 euros nos Orzamentos 2022.

No eido do Deporte, a Deputación destinará en 2023 unha partida de 1 millón de euros para financiar a contratación de técnicos deportivos nos concellos coruñeses (72 concellos contan a día de hoxe cun técnico de Deportes contratado pola Deputación), 3.375.000 euros para subvencións a clubs e entidades sen ánimo de lucro para promoción e fomento do deporte (624 entidades reciben este ano o apoio da Deputación) e 600.000 para actividades propias que inclúen os campamentos deportivos (1.340 participantes), campaña de esquí para 600 escolares da provincia, bandeira de traíñas, carreiras populares en 30 concellos da provincia, campionatos de fútbol alevín, etc.

A Deputación consigna 5.815.080 euros (+14%) para a área de Turismo, na que se inclúen os Plans de Sostibilidade Turística (PSTD) dos destinos Xeoparque Cabo Ortegal (597.080 €) e Fragas do Eume (560.000 €), así como 1,3 millóns para axudas a asociacións na mellora da calidade e competitividade turística e 1,4 millóns para apoio aos concellos en materia de promoción turística.

Na área de Promoción Económica, cun orzamento de 9.317.262 euros, a Deputación contempla unha achega de 4.302.023 euros ao Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento para financiar (ao 50% coa Xunta de Galicia) o funcionamento dos dez parques comarcais de bombeiros da provincia e reserva 506.995 euros para a comarcalización do parque de bombeiros de Santiago.

A achega para os Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES) será o vindeiro ano de 1.292.000 euros (+28%), que inclúe a nova base de Noia, mentres que as axudas a Protección Civil soben un 8% ata os 190.000 €. Soben tamén as achegas para subvencións a confrarías de pescadores a 511.000 € (+5,7%), e mantéñense as de fomento do sector agrícola e gandeiro (613.000 €) e contratación de socorristas (306.000€).

Na área de Desenvolvemento Territorial e Medio Ambiente destaca unha nova partida de 1 millón de euros para a recuperación das baterías de costa de Ferrol, Ares e Valdoviño, o programa de limpeza de praias con 900.000 euros, 524.000 para apoio a comunidades galegas no exterior e ONG, 1,2 millóns para programas de protección do Medio Ambiente de concellos e entidades e 500.000 euros para impulsar a mobilidade ciclista na provincia.

No pleno tomou posesión como deputada do Grupo Popular Izaskun García Gorostizu en substitución de Francisco Santos e aprobouse unha declaración institucional con motivo do 25-N.

O pleno aprobou, cos votos de PSOE, BNG, Alternativa e Marea Atlántica e o voto en contra do PP, a moción de Marea Atlántica en contra do transfuguismo e rexeitou dous dos tres puntos na moción (apoiada só por Marea e BNG), sobre as mobilizacións de persoal de Inditex, xa que parte dos sindicatos non as respaldan. O punto aprobado defende a igualdade entre homes e mulleres no mercado laboral.

O pleno rexeitou tamén a moción do PP sobre a reforma do delito de sedición no Código Penal, que só foi apoiada polos populares.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X