Uxía Senlle e Federico Pérez protagonizan o último episodio de Referentes
Como comezan as súas respectivas carreiras profesionais, os seus estudos universitarios de Filoloxía, os seus referentes familiares e persoais, e a súa implicación na loita contra a catástrofe do Prestige, centran a conversa entre a cantora e o actor
A conversa completa, que supón o peche da segunda tempada de Referentes, estrearase o venres 9 de decembro ás 12h no Facebook e no Youtube da área de Cultura da Deputación da Coruña
A cantora Uxía Senlle e o actor Federico Pérez, son os protagonistas do último episodio de Referentes desta segunda tempada. A conversa estará dispoñible no perfil de Facebook e na canle de Youtube da área de Cultura da Deputación a partires do venres 9 de decembro ás 12h.
Uxía Senlle e Federico Pérez comparten circunstancias como que ambos tiveron infancias taberneiras, ambos fixeron estudos universitarios de Filoloxía –aínda que como se poderá ver na conversa, con distintos resultados-, e ambos foron voces importantes hai vinte anos na loita contra a catástrofe do Prestige. Sobre o Prestige fan unha reflexión sobre o que Uxía denomina "un momento de orgullo de como nos comportamos como pobo" ata outros "chapapotes actuais" como a defensa da sanidade pública, a manipulación dos medios de comunicación públicos ou a emerxencia climática.
Como vén sendo habitual en todas as conversas de Referentes, os protagonistas relatan como comezaron as súas respectivas carreiras: Uxía Senlle pon o foco no punto de inflexión que supuxo gañar o Festival de Bergantiños con 23 anos e poder sacar o seu primeiro álbum ano ano seguinte; mentres que Federico Pérez explica como o seu traballo como asesor lingüístico na icónica serie de televisión Mareas Vivas foi a porta de entrada cara a traxectoria de actor pola que actualmente é máis coñecido publicamente.
A fusión musical con outras culturas e moi especialmente na contorna da lusofonía no caso de Uxía, ou anécdotas nas que Federico é confundido con algún dos personaxes que interpreta na ficción, completan unha conversa na que van saíndo reflexións sobre o idioma, a idiosincrasia galega, as loitas sociais e o humor.
Ambos contestan, ademais, á pregunta que os 'referentes' do anterior episodio –Ugia Pedreia e Quico Cadaval-, lles deixaron formulada: dunha banda "cal cres que son as enfermidades que pode provocar o ego?", e por outra "sénteste moi canso ou cansa de ter que dicir que fas isto polos demais?".
Nesta segunda tempada de Referentes, que se estreou o pasado mes de abril, participaron Margarita Ledo en conversa con Xabier Fortes, Melania Freire con Pepe Barro, Pepe Solla con Manuel Gago, María Reimóndez con Oliver Laxe, Ugia Pedreira con Quico Cadaval, e Uxía Senlle con Federico Pérez.