A Deputación da Coruña e o Concello de Negreira invisten 180.000 euros no saneamento e humanización da rúa Rosalía de Castro
As obras darán solución aos recorrentes problemas de inundacións en baixos e garaxes e ás avarías na rede de saneamento, e mellorarán a seguridade no acceso á zona escolar
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis, asinaron esta mañá na sede da institución provincial o convenio para o financiamento das obras de humanización e saneamento da rúa Rosalía de Castro.
Os traballos suporán un investimento de 180.000 euros, dos que o 80% (140.000 €) serán financiados pola Deputación.
As obras terán lugar nunha zona que delimita cos grupos escolares como o CEIP O coto de Negreira, con máis de 500 escolares, cun parque infantil e con equipamentos como o centro de saúde, o edificio de servizos municipais, o cuartel da Guardia Civil ou o parque do Coto, que contan cunha elevada afluencia de peóns, polo que se humanizará o tramo final da rúa cunha zona semipeonil para mellorar a seguridade e a mobilidade na zona.
Ademais, as obras darán solución aos recorrentes problemas de inundacións nos aparcamentos de varios edificios e ao desbordamento da rede de saneamento debido a caudais excesivos e roturas nas antigas canalizacións de formigón, que serán substituídas por outras novas de PVC de 315 mm de diámetro.
Durante os últimos anos, o Concello de Negreira realizou redes separativas en diversas rúas que conflúen coa rúa Rosalía de Castro para poder entroncalas con esta vía principal. Con este proxecto, darase solución á rede separativa de augas pluviais na confluencia das rúas Rosalía de Castro e a Avenida das Brañas, recanalizando as rúas Tambre, Corzán, e Víctor García Ferreiro á rede municipal.
O proxecto suporá a mellora das condicións de salubridade dos baixos e garaxes, unha mellora medioambiental ao separar as augas fecais das pluviais e unha maior seguridade viaria e accesibilidade ás dependencias escolares e ao parque infantil.