Estás en:Emprego Novas

A Deputación da Coruña investirá 2 millóns de euros nas obras de ampliación e mellora da estrada de Martelo a Aguasantas, en Rois

Trátase da obra con maior investimento previsto na rede provincial de estradas para 2023 e foi aprobada hoxe, no último pleno do ano

A Deputación redactou un novo proxecto despois de que o anterior fose paralizado por Patrimonio da Xunta pola súa posible afección a un xacemento de mámoas

Formoso destaca que se trata dunha obra estratéxica para vertebrar as comunicacións por estrada na comarca

A Deputación da Coruña investirá 2 millóns de euros nas obras de ampliación e mellora da estrada de Martelo a Aguasantas, en Rois

A Deputación da Coruña aprobou por unanimidade no pleno de hoxe investimentos na rede provincial de estradas por importe de 5,9 millóns de euros.

Entre eles destaca o novo proxecto de ampliación e mellora da seguridade na estrada DP 7402 de Martelo a Aguasantas, no termo municipal de Rois, cun orzamento de 2.041.188 euros que o sitúa como o maior investimento proxectado até o momento na rede provincial de estradas para 2023.

O servizo de Vías e Obras da Deputación redactou este novo proxecto despois de que o anterior fose paralizado pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, debido que as obras previstas para anchear e mellorar algúns puntos do trazado poderían afectar a un xacemento de mámoas localizado entre os núcleos de Salgueiros e o Codeso.

Tras un informe arqueolóxico que permitiu identificar e catalogar os elementos patrimoniais susceptibles de ser afectados, a Deputación redactou este novo proxecto, que duplica o orzamento do anterior, pasando de 1,1 a 2 millóns de euros.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que se trata dun "proxecto estratéxico para vertebrar as comunicacións por estrada no suroeste da provincia da Coruña, concretamente nas comarcas de Padrón e Noia", xa que a DP-7402 conecta a estrada autonómica AC-301 (Padrón-Aguasantas) coa AC-543 (Santiago-Noia) e tamén coa futura autovía de Noia.

"Cumprimos o noso compromiso. Desde o Goberno da Deputación mantivemos en todo momento que as obras de ampliación e mellora do trazado desta estrada eran absolutamente imprescindibles e ían a executarse, puxemos toda a vontade para superar os atrancos administrativos que nos puxeron e sacar adiante este novo proxecto, que esperamos comezar a executar en 2023", afirmou o presidente.

Ampliación e eliminación de curvas perigosas

As obras desenvolveranse entre os puntos quilométricos 0+000 e 2+543 e incluirán a ampliación da plataforma da estrada ata os 9 metros de ancho, con carrís de circulación de 3,5 metros en cada sentido, beiravías de 0,5 m. e berma de 0,5 metros. Executarase ademais a mellora do trazado, suavizando algunhas das curvas existentes para permitir un tráfico máis seguro e fluído.

Estas obras mellorarán notablemente a seguridade do tráfico, xa que a estreiteza actual e o trazado perigoso dalgunhas curvas fai que moitos vehículos, especialmente o tráfico pesado, use itinerarios alternativos que supoñen importantes rodeos.

Tamén se dotará a vía de nova rede de drenaxe transversal para evitar acumulacións de auga na estrada, instalarse nova sinalización e mellorarase dos enlaces coas estradas autonómicas AC 308 e AC 301 para facilitar o xiro dos vehículos.

A estrada pavimentarase con distintas capas de mestura bituminosa en quente.

O prazo de execución será de 12 meses a partir do inicio das obras.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X