Estás en:Emprego Novas

Fogóns de Anllóns e Fragas do Eume, protagonistas dos actos oficiais da Deputación da Coruña en Fitur

Os cinco concellos de Bergantiños e os cinco da comarca do Eume que participan en senllos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino, estarán representados na Feira especializada en Turismo máis representativa do Estado

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira avoga por poñer en valor "a nosa estratexia turística baseada na sustentabilidade, nas potencialidades do propio, na autenticidade do noso territorio e na defensa dun retorno económico para a comunidade local"

Fogóns de Anllóns e Fragas do Eume, protagonistas dos actos oficiais da Deputación da Coruña en Fitur

Os Plans de Sustentabilidade Turística en Destino de 'Os Fogóns do Anllóns' e das 'Fragas do Eume' serán os protagonistas dos dous actos institucionais que a área de Turismo da Deputación da Coruña desenvolverá en Fitur. Será o vicepresidente da institución provincial e responsable da área de Turismo, Xosé Regueira, quen encabece a delegación da provincia na Feira especializada en Turismo máis relevante do Estado, e na que participarán representantes políticos dos concellos de ambas comarcas (de Bergantiños e do Eume), así como representantes do tecido social, económico e deportivo.

Xosé Regueira asegura que esta decisión de difundir dous Plans de Ssustentabilidade Turística en Destino está enmarcada "nunha aposta política e nunha estratexia turística baseada no valor do propio e nas potencialidades do noso territorio". Neste sentido, o vicepresidente lembra que "levamos moitos anos traballando de xeito constante priorizando a calidade sobre a cantidade, apostando claramente por iniciativas que inclúan parámetros de sustentabilidade, que poñan en valor a autenticidade do noso territorio e das e dos profesionais que traballan nel e, sobre todo, na defensa dun retorno económico para a comunidade local".

A primeira das citas da Deputación en Fitur será a presentación de 'Os Fogóns do Anllóns', que terá lugar o mércores 18 ás 12:30h no posto de Turgalicia. Nesta presentación tratarase de poñerlle voz e cara ao proxecto a través dun audiovisual que recollerá intervencións de representantes de sectores como o colectivo de mariscadoras do esteiro do Anllóns, de produtores de legumes e pataca, panadaría, restauración e mesmo deportistas que utilizan o propio Anllóns para as súas prácticas deportivas. O audiovisual tamén recollerá as voces dos cinco alcaldes dos concellos que conforman o proxecto – A Laracha, Carballo, Coristanco, Ponteceso e Cabana-, e a do vicepresidente da Deputación. Ademais do audiovisual, tamén intervirán unha representación das tres administracións con participación activa no Plan: a Xunta, a Deputación e a Asociación de Concellos, así como unha representante do tecido social e económico da comarca.

A segunda das citas, terá lugar o xoves 19 ás 18h e terá o Plan de Sostibilidade Turística en Destino 'As Fragas do Eume' como protagonista. Tamén incluirá un vídeo promocional que recolle as potencialidades dos cinco concellos participantes no proxecto -As Pontes, Cabanas, Monfero, Pontedeume e A Capela-, e repetirá o esquema de intervencións de representantes da Xunta, Deputación e Concellos.

Convén lembrar que todos os proxectos que o departamento provincial de Turismo impulsou nas diferentes convocatorias de Plans de Sustentabilidade do Ministerio foron aprobadas con éxito: Xeoparque Cabo Ortegal, Fragas do Eume, Fogóns do Anllóns e Vía Verde. Entre todos suman 6 millóns de euros de fondos europeos (1,5 millóns de euros cada un) e implican a un total de 22 concellos da provincia; sendo todo eles proxectos altamente comprometidos co territorio, coa conservación co medio natural e que tamén teñen o medio natural como motor de desenvolvemento.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X