Estás en:Emprego Novas

A Deputación leva a Fitur ‘Os Fogóns do Anllóns’ co obxectivo de posicionalo como destino gastronómico diferenciado

O vicepresidente, Xosé Regueira, salienta a oportunidade que ofrece este proxecto para situar a comarca de Bergantiños como un destino gastronómico que "destaque a nivel estatal e internacional e para visibilizar un sector altamente competitivo, con capacidade para crear benestar e recursos económicos para o territorio"

A Deputación leva a Fitur ‘Os Fogóns do Anllóns’ co obxectivo de posicionalo como destino gastronómico diferenciado

O proxecto 'Os Fogóns do Anllóns' vén de ser presentado en Fitur marcando como obxectivo posicionar os cinco concellos que integra – A Laracha, Carballo, Coristanco, Ponteceso e Cabana-, como un "territorio gastronómico diferenciado" e que "destaque a nivel estatal e internacional". Así o definiu o vicepresidente da Deputación e responsable da área de Turismo, Xosé Regueira, durante a súa intervención institucional na presentación desta mañá.

Xosé Regueira estivo acompañado pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, polo alcalde de Cabana, José Muíño, e pola cociñeira do restaurante Pementa Rosa de Carballo, Rocío Martínez, nun acto que estivo conducido polo xornalista Santiago Garrido. Unha representación coa que a Deputación tamén quixo poñer en valor a colaboración institucional a todos os niveis que fixo posible que 'Os Fogóns do Anllóns' sexa un dos proxectos financiados con fondos europeos no marco dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino.

Poñer a comarca de Bergantiños no mapa do turismo gastronómico de calidade e sustentable foi a primeira das claves que Xosé Regueira salientou deste proxecto, do que asegurou que "ten todos os ingredientes para visilizar un sector altamente competitivo e con capacidade para crear benestar e un recurso económico importante para a o propio territorio". O vicepresidente aproveitou para facer un repaso polos principais activos do proxecto: a produción de produtos de alta calidade para toda a cadea gastronómica, a recuperación medioambietal ligada ao curso do propio río, e a colaboración interinstitucional.

Unha filosofía na que tamén afondou Nava Castro indicando que este proxecto "servirá para poñer no mapa unha comarca a nivel gastronómico que ata agora igual non é tan coñecida neste campo", e fixo fincapé na potencia da gastronomía galega como recurso turístico, lembrando que "a nosa gastronomía é o segundo motivo polo que o turista nos elixe como destino".

Pola súa banda o alcalde de Cabana, José Muíño, centrouse na dimensión medioambiental do proxecto asegurando que "grazas á intervención de todos os organismos públicos podemos facer algo importante potenciando a sustentabildiade para recuperar flora e fauna, e igual que o río nos une aos cinco concellos é importante conectalo cunha senda tanto para turistas como para a veciñanza". Neste sentido avogou por traballar o percorrido do río no eido local "para que a xente o valore, porque se a xente o aprecia e lle colle cariño, vaino coidar como algo propio".

A cociñeira e xerente do restaurante Pementa Rosa de Carballo, Rocío Martínez, defendeu a gastronomía da comarca asegurando que "no río, na hora e nas nosas lonxas temos a nosa despensa, todo á man e do mellor do mellor". A cociñeira asegurou, botando man do humor, que "eu non vou mercar en Mercamadrid tendo o mellor ao lado da casa", e indicou que "non concibo unha gastronomía de calidade que non se basee no noso propio produto".

Ademais, a presentación estivo apoiada por dous pequenos audiovisuais baseados na singularidade mediambiental que o río Anllóns lle confire ao territorio e sobre todo nos recursos de proximidade, tanto a nivel gastronómico como outras ofertas turísticas máis amplas como o ocio activo e de natureza. No vídeo participaron representantes políticos dos cinco concellos que forman parte do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino de 'Os Fogóns do Anllóns', o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, o cociñeiro Marcos Seoane do restaurante Río Sil e a cociñeira Rocío Martínez do restaurante Pementa Rosa (ambos de Carballo), a integrante da asociación Deportiva Downhill (BTT) da Laracha, María Rivera Haz, o presidente da asociación de veciños San Adrián de Verdes, José Rial, a empresaria Lucía Calvo da marca de produtos gourmet La Huerta D'Lujo de Coristanco, o ornitólogo José Luis Rabuñal e a presidenta da asociación de mariscadoras de Cabana, Inés García Fernández.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X