Estás en:Emprego Novas

Os cociñeiros Iván Domínguez e Moncho Méndez amosan as potencialidades da alta gastronomía coruñesa en Madrid Fusión

Os dous chefs reúnen no restaurante madrileño Xeito!19'20" a profesionais da distribución, prescriptores e prensa especializada nun showcooking no que utilizaron produtos das marcas presentes no stand institucional da Deputación da Coruña

A área provincial de Turismo, que participa por vez primeira no congreso gastronómico Madrid Fusión, continúa apostando pola promoción da cadea gastronómica baixo a campaña 'A provincia que sabe'

Os cociñeiros Iván Domínguez e Moncho Méndez amosan as potencialidades da alta gastronomía coruñesa en Madrid Fusión

Produtos de todas as marcas presentes no posto da Deputación en Madrid Fusión integraron as receitas do showcooking a cargo dos cociñeiros coruñeses Iván Domínguez e Moncho Méndez. Tivo lugar esta tarde no restaurante Xeito!19'20" e estivo orientado especificamente para profesionais da distribución, prescriptores e prensa especializada.

Así, A Conserveira (Ribeira) ofreceu navallas con pilpil, mexillóns con emulsión da súa allada e ensaladilla con ventresca e sardiñas. Servíronse percebes da Asociación de Profesionais do Percebe da Barca (Muxía), o queixo Galmesán (Arzúa) foi cociñado nun risotto de marisco, e as 'alubias roxas' de La Despensa D'Lujo (Coristanco) formaron parte dun guiso de ameixas, nun menú no que tamén se incluíron as empanadas de Costumes Galicia (Carballo). Choiva Viños achegou os tres viños que se degustaron: Cazapitas da I.X.P. Barbanza e Iria, e Xeixedo e Ribeiras de Armea, ambas da I.X.P. Betanzos.

A Deputación da Coruña, a través da área de Turismo, participa por vez primeira no congreso de alta gastronomía Madrid Fusión cun posto institucional e cunha acción de promoción paralela que busca amosar de xeito directo toda a potencialidade da cadea gastronómica que, baixo parámetros de calidade e sustentabilidade, se agrupan baixo o selo 'A provincia que sabe'.

Neste sentido, o vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira indica que "Madrid Fusión significa o primeiro gran evento do ano en que os produtos e os produtores, e en xeral toda a cadea de valor da gastronomía, da provincia da Coruña se destacan nun marco onde o produto gourmet e a alta cociña son o público exclusivo da feira". O vicepresidente salientou que xa durante toda a primeira xornada o posto da Deputación foi constantemente visitado por restauradores e profesionais da distribución da cadea gourmet.

No posto institucional da Deputación da Coruña están presentes a Asociación de Profesionais do Percebe da Barca (Muxia), A Conserveira Ribeira), La Despensa D'Lujo (Coristanco), Costumes Galicia Empanada Artesá (Carballo), Queixería Galmesán (Arzúa) e Choiva Viños (viños da I.X.P. Betanzos e da I.X.P. Barbanza e Iria).

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X