Estás en:Emprego Novas

A Gala de Premios culturais da Deputación terá lugar o 10 de febreiro no Teatro Colón

Comezará ás 19h, con entrada de balde ata completar aforo, e reunirá ás 12 persoas e entidades premiadas nos certames Torrente Ballester de narrativa, Raíña Lupa de literatura xuvenil, Miguel Garcés de poesía, Castelao de banda deseñada, Luis Ksado de fotografía, Antón Fraguas de artesanía, Narf de música, Jesús Núñez de arte gráfica e Begoña Caamaño de acción cultural pola igualdade

A Gala estará conducida pola xornalista Marga Pazos e contará coa actuación da contadora Carmen Méndez e coa música de Antía Muíño

A Gala de Premios culturais da Deputación terá lugar o 10 de febreiro no Teatro Colón

O escenario do Teatro Colón volverá iluminarse para acoller a Gala de entrega dos 9 premios culturais que a Deputación convocou e outorgou durante o exercicio 2022. En total subirán a recoller o seu premio unha ducia de persoas e entidades, nunha gala que recuperará a escenografía do pasado ano e que estaba especialmente deseñada a partires da idea de simbolizar a luz que a Cultura, a través de diversas manifestacións artísticas, aporta á sociedade.

Esta Gala de Premios culturais terá lugar o venres 10 de febreiro ás 19h e estará aberta ao público en xeral, con asistencia de balde ata completar aforo (apertura de portas do Teatro Colón ás 18:30h). Estará conducida pola xornalista Marga Pazos e contará coa actuación da contadora Carmen Conde e coa música de Antía Muíño. Ademais dos premiados e premiadas, tamén se espera a asistencia das persoas que participaron de xeito directo no desenvolvemento destes premios, en calidade de xurados, comisariados e comisións lectoras.

O deputado de Cultura, Xurxo Couto, indica que "esta entrega de premios é un dos maiores encontros culturais do ano, non só polo recoñecemento ao talento dos creadores e creadoras do noso tempo senón tamén porque implica a unha gran diversidade de disciplinas artísticas". Así, un ano máis, no Colón volverán xuntarse fotógrafos, artesás, escritores e escritoras, grupos musicais, artistas plásticas, debuxantes e entidades que traballan a prol da acción cultural.

Todas as persoas premiadas recibirán a escultura creada ad hoc pola artista Soledad Penalta para a Deputación da Coruña: un 'C' realizado en aceiro que representa o 'C' de Cultura e o 'C' de Coruña, e que é suxeitado na base por siluetas que representan a xente que sostén e que eleva a cultura.

Relación de premios e persoas e entidades premiadas
• Premio Torrente Ballester de narrativa en galego: Amador Castro
• Premio González Garcés de poesía: Yolanda Castaño
• Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil: Lois Pérez
• Premio Luís Ksado de creación fotográfica: Brais Lorenzo
• Premio Castelao de banda deseñada: Siqi Luis Yang (debuxante) e Uxía Larrosa Villanueva (guionista) na modalidade xeral; e Francisco Pérez Villanueva na modalidade LIX
• Premio Fran Pérez 'Narf' para grupos e artistas musicais: Mallou
• Premio Antón Fraguas de artesanía: Carmen Riveiro na modalidade tradicional, e Verónica Moar na modalidade contemporánea
• Premio Internacional Jesús Núñez de arte gráfica: Myriam Gesalaga Eizagirre
• Premio Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero: Federación galega de redeiras artesás O Peirao na modalidade traxectoria; e grupo de traballo Igualdade e Xénero ANPA do CEIP de Barouta na modalidade iniciativa

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X