Estás en:Emprego Novas

“Sinaladas”, a mostra que recolle a loita das mulleres galegas no século XX pode visitarse en Padrón ata o 12 de febreiro

"Sinaladas. A loita das mulleres no século XX: cen anos de conquistas e represión" é unha exposición de rúa composta por 39 paneis que inicia a súa itinerancia na praza Rodríguez Cobián de Padrón

O deputado de Cultura, Xurxo Couto, e o alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, encabezaron esta mañá unha visita institucional á mostra na que tamén participaron o deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas, a segunda tenente de alcalde, Lorena Couso, e a concelleira Beatriz Rei

“Sinaladas”, a mostra que recolle a loita das mulleres galegas no século XX pode visitarse en Padrón ata o 12 de febreiro

O deputado de Cultura, Xurxo Couto, e o alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, encabezaron esta mañá unha visita institucional á mostra "Sinaladas. A loita das mulleres no século XX: cen anos de conquistas e represión". Trátase dunha exposición que nace da man da Deputación da Coruña co obxectivo de dar a coñecer a figura de mulleres e de diversos movementos, para ofrecer unha visión global da memoria das mulleres: desde as revoltas agrarias, pasando pola situación educativa da muller durante a II República, a represión durante o franquismo e o exilio, ata a participación das mulleres na resistencia e na loita para conseguir a democracia.

Na visita a esta mostra, que poderá visitarse en Padrón ata o domingo 12 de febreiro, tamén participaron o deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas, a segunda tenente de alcalde, Lorena Couso, e a concelleira Beatriz Rei. Durante o percorrido, Xurxo Couto explicou que "a exposición está concibida para dar a coñecer o papel das mulleres abranguendo unha visión moi ampla tanto en tempo histórico como en protagonistas, ilustrando con imaxes todas as épocas do pasado século a través das loitas, reivindicacións e fitos destacados nas que as mulleres participaron".

Así, os paneis recollen liñas biográficas de 540 mulleres das catro provincias galegas, das que 194 aparecen nalgunha das 373 imaxes incluídas nos 39 paneis temáticos que inclúe. Neste sentido, "Sinaladas" fai referencia a figuras tan coñecidas como María Casares como a outras menos coñecidas como as mestras asasinadas e represaliadas durante o franquismo, así como a loitas colectivas como o motín do arsenal de Ferrol ou a das cigarreiras coruñesas.

A mostra, que esta concibida especialmente para o espazo público, continuará a súa itinerancia por Narón, Carballo, A Coruña e Ames. Tamén inclúe unha unidade didáctica para planificar o proceso de aprendizaxe por parte dos centros educativos que se acheguen a visitala.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X