'Pringadas' chega ao Teatro Colón da man de Cultura da Deputación
Será o venres 24 de febreiro, ás 18.30 horas, nunha velada na que se proxectarán os tres episodios da web serie e cuxo programa inclúe un coloquio co equipo técnico e artístico do proxecto, unha performance humorística e moita música
As entradas, de balde, xa se poden retirar na web do teatro coruñés
Logo de coroarse no Festival Carballo Interplay como Mellor Proxecto de Webserie en Galego e ser seleccionada como finalista a Mellor Webserie Española no Festival Serielizados, "Pringadas" chega ao Teatro Colón coruñés o venres 24 de febreiro, ás 18.30 horas, para celebrar a súa candidatura aos Premios Mestre Mateo e pór o broche final a todo un ano de xira reivindicando os contidos xuvenís en galego.
Un fotocol abrirá ás 18 horas unha velada única, apoiada polo departamento de Cultura da Deputación, na que se proxectarán os tres episodios da serie e na que o público poderá gozar dunha performance humorística de Uxía Vázquez e de Belén Puime, creadora da ficción, dun coloquio co equipo técnico e artístico do proxecto, e da música en vivo do grupo ferrolán bratzantifa e da autora e o autor da banda sonora de "Pringadas", Noemia Veiga e Guille LP. A noite continuará ás 21 horas no pub Tre Parole cunha festa animada por picadiscos.
Con referentes como a serie británica "Derry Girls", a americana "Girls" ou a catalá "Les de l'hoquei", "Pringadas" fala, en palabras de Puime, "da ruptura co primeiro amor, das amigas e do virus do papiloma humano; temas presentes na miña vida e na das miñas amigas, que non se tenden a contar desde un punto de vista feminino e menos na nosa lingua".
As entradas, de balde, xa se poden retirar na web do Teatro Colón.