As deputacións da Coruña e Pontevedra intercambian boas prácticas no ámbito das políticas de Emprego
A Deputación de Pontevedra interesouse polo desenvolvemento do PEL e polo modelo de Rede Provincial de Coworking, que conta xa con 11 centros na provincia
O deputado de Emprego, José Ramón Rioboo, e persoal técnico do Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación da Coruña reuníronse esta mañá no Pazo Provincial cunha delegación do Servizo de Emprego e Desenvolvemento Local da Deputación de Pontevedra.
A reunión permitiu coñecer en detalle a labor que desde ambas institucións realizan en materia de Emprego, así como impulsar vías para crear sinerxías e establecer futuras cooperacións que puidesen involucrar ás demais deputacións galegas e incluso á Xunta de Galicia.
Rioboo explicou o funcionamento do o PEL, o maior plan de emprego impulsado por unha administración local en Galicia, que se está a desenvolver desde 2016 cun investimento total superior aos 106 millóns de euros, "o que permitiu creación de 5.376 empregos no sectores público e privado, apoiar a máis de 3.000 empresas e autónomos para investimentos nos seus negocios e pagamento das cotas de autónomos á Seguridade Social". Tamén se destinaron 20 millóns de euros en 4.372 axudas directas a pequenas empresas dos sectores máis afectados pola pandemia e a crise de prezos, como hostalería, transporte, mar e agro .
Tamén se analizaron as iniciativas impulsadas pola Deputación da Coruña con fondos europeos para a promoción do emprego no ámbito rural como os proxectos PEL-Rurinnova e PEL-Relevo.
Pola súa banda, a Deputación de Pontevedra tamén explicou as actuacións que están a desenvolver no Servizo de Emprego e Desenvolvemento Económico, como SmartPeme, servizo de asesoramento individual e personalizado de accións de capacitación en materia de novas tecnoloxías e competitividade empresarial; DepoInnova, programa de compra pública de innovación; os proxectos "da túa man" e "commerce inside", que teñen por finalidade reactivar, impulsar, desenvolver e fortalecer o comercio local; así como o programa TurisTIC, que impulsou unha aceleradora de empresas e unha Rede de Destinos Turísticos Intelixentes,
Rede de Coworking
Os pontevedreses amosaron tamén o seu interese pola pioneira Rede Provincial de Coworking da Deputación da Coruña, que conta xa con 11 espazos de traballo colaborativo espallados por toda a provincia e especializados por sectores, estratéxicos para cada zona do territorio. 200 emprendedores e emprendedoras iniciaron os seus proxectos de negocio na Rede.
Ademais examináronse as vías de colaboración e coordinación da Deputación cos concellos: os instrumentos máis utilizados, o grao de implicación, as divisións utilizadas para dirixir as diferentes accións (por poboación, comarcas, etc.) a fin de extraer boa praxe e analizar problemáticas comúns.