Estás en:Emprego Novas

Convocados os premios Ksado, Díaz Pardo, Castelao, Dieste e Raíña Lupa

Cinco convocatorias novas da Deputación da Coruña abren prazo de presentación de traballos na busca de incrementar a nómina de premiados e premiadas en disciplinas como a fotografía, a literatura infantil e xuvenil, a dramaturxia, as artes plásticas e a banda deseñada

Convocados os premios Ksado, Díaz Pardo, Castelao, Dieste e Raíña Lupa

A área de Cultura da Deputación da Coruña vai completando o calendario de convocatorias dos seus premios culturais coa publicación hoxe no BOP dos prazos dos premios Luís Ksado de creación fotográfica, Isaac Díaz Pardo de arte, Castelao de banda deseñada, Rafael Dieste de textos teatrais e Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil.

Concretamente a primeira convocatoria en pechar prazo será a do XVIII Certame de Arte Isaac Díaz Pardo. Todas e todos os artistas interesados en participar poderán enviar as súas obras ata o 20 de abril. Este premio admite temática e técnica libre, cunha dimensións máximas segundo a tipoloxía de obra que se poden consultar na bases da convocatoria. O premio está dotado con 6.500 euros e ademais contempla a adquisición da obra gañadora ata un importe máximo de 25.000 euros. Na anterior edición resultara gañadora a artista Irene Grau cunha obra elaborada con cinzas recollidas nos incendios de Galiza en 2017 sobre lenzo.

A seguinte convocatoria en pechar será a do XXI Premio Rafael Dieste de textos teatrais, cuxo prazo remata o 27 de abril. Este premio está dotado con 6.500 euros e na anterior edición resultara gañadora a obra "Sophie non é o me nome de guerra" de Roberto Pascual. Tamén en abril, concretamento o día 28, pecha o prazo de recepción de orixinais do XVII Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil, dotado con 6.500 euros e cuxo último gañador fora Lois Pérez coa obra "A tibo do mar".

Mentres, no mes de maio rematarán os prazos de presentación de traballos para os premios de banda deseñada e de fotografía. O 11 de maio remata o prazo para presentarse ao XVIII Premio Castelao de banda deseñada, que contempla unha dotación de 6.500 euros para cada unha das modalidades: xeral (para todos os públicos) e LIX. Na pasada edición resultaran gañadores na modalidade xeral Siqi Luis Yang, como debuxante, e Uxía Larrosa Villanueva, como guionista, coa obra "O bico da serea"; mentres que na modalidade LIX gañara Francisco Pérez Villanueva con "Contando estrelas".

E por último, o día 31 de maio pecharase o prazo para participar no XVII Premio Luis Ksado de creación fotográfica que premia, con 6.500 euros, series que conten cun mínimo de seis e un máximo de doce fotografías que se inscriban no campo do fotodocumentalismo, fotoxornalismo ou reportaxe en xeral. O máis recente gañador deste certame foi o fotoxornalista ourensán Brais Lorenzo cunha serie sobre incendios forestais titulada "Lume".

Neste momento hai abertas 9 convocatorias, posto que a comezos de semana se publicaron os prazos dos premios Torrente Ballester de narrativa, Manuel Murguía de ensaio e Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero; e desde finais do pasado ano permanece aberto o prazo do concurso "Quero Cantar" de música infantil e xuvenil. O calendario completarase coa convocatoria, en vindeiras semanas, do Andrés Núñez de arte gráfica e dous premios máis de música: o Andrés Gaos de composición musical e o Fran Pérez 'Narf' para artistas e grupos musicais.

Calendario de convocatorias

  • 15 de marzo: VI Concurso "Quero Cantar" de música infantil e xuvenil
  • 13 de abril: XIV Premio "Manuel Murguía" de ensaio
  • 20 de abril: XVIII Certame de arte "Isaac Díaz Pardo"
  • 27 de abril: XXI Premio "Rafael Dieste" de textos teatrais
  • 28 de abril: XVII Premio "Raíña Lupa" de literatura infantil e xuvenil
  • 4 de maio: VII Premio "Begoña Caamaño" á acción cultural pola igualdade de xénero
  • 11 de maio: XVIII Premio "Castelao" de banda deseñada
  • 15 de maio: XXXV Premio "Torrente Ballester" de narrativa
  • 31 de maio: XVII Premio "Luís Ksado" de creación fotográfica
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X