A Deputación edita a obra ‘DeFESTA Xeodestino Norte’ no que amosa as potencialidades turísticas de Ferrolterra
O libro de fotografías de Xulio Villarino fai un percorrido polos festexos da bisbarra de Ferrolterra, Eume e Ortegal a través de imaxes e historias que recollen o seu patrimonio etnolóxico
A Semana Santa ferrolá, a Festa da Fraga das Pontes, o Festival de Ortigueira ou a Pantín Classic en Valdoviño son algúns dos eventos recollidos obra de Villarino
A Deputación da Coruña presenta o libro "DeFesta Xeodestino", unha recompilación das actividades lúdicas, tradicionais e culturais da comarca de Ferrolterra, Eume e Ortegal coa que tenta a consolidación dun xeodestino de calidade e referencia turístico. O libro de fotografías Xulio Villarino, cargado de imaxes e relatos, fai un percorrido polos festexos da comarca a través das imaxes que recollen o patrimonio etnolóxico desta terra.
A Deputación contribúe deste xeito a protexer e conservar a historia, a cultura, o patrimonio natural e a tradición que fan da comarca de Ferrolterra un dos xeodestinos por excelencia de Galicia.
A obra contén, por exemplo, festividades tan tradicionais como a da Semana Santa de Ferrol, un referente nacional do turismo relixioso ou o Festival de Ortigueira, evento de referencia mundial no eido da música celta ou tradicional.
Por outra banda, tamén fai referencia a un dos eventos deportivos senlleiros de Galicia, o Pantin Classic onde as ondas de Valdoviño xeran unha atmosfera especial que abraia aos surfistas que cada ano compiten no litoral ferrolán.
Historias e tradición populares dos pobos de Ferrolterra como as marabillosas alfombras florais que a veciñanza de Ares realiza con esmero para que os nenos e nenas poidan facer a súa primeira comuñón ou a entrega coa que se vive a Festa da Fraga. Imaxes que recolle a obra vinculadas inequivocamente á beleza do noso patrimonio histórico e natural, e que atraen a milleiros de persoas cada ano a esta comarca.
Neste senso, a Deputación da Coruña aposta por continuar divulgando o enorme potencial turístico desta comarca que ano tras ano consegue incrementar os seus atractivos.