Estás en:Emprego Novas

A Deputación inicia as obras de remate da estrada de acceso aos cantís de Loiba, en Ortigueira

Suporán un investimento adicional de 535.342 euros para levar a cabo as correccións necesarias das obras executadas e os traballos pendentes

Repararanse zonas defectuosas do firme, actuarase en noiros, acondicionaranse os illotes executados, e estenderase unha nova capa de rodaxe, entre outras actuacións

A Deputación inicia as obras de remate da estrada de acceso aos cantís de Loiba, en Ortigueira

A Deputación da Coruña acaba de iniciar as obras de terminación da ampliación e mellora da estrada DP-6104 que dá acceso aos cantís de Loiba, en Ortigueira.

As obras están sendo executadas por Tragsa por un importe de 536.391 euros, que se suman ao millón de euros que euros que tiña de orzamento a obra inicial e que tivo que resolverse a finais 2021 por incumprimentos nos prazos por parte da anterior empresa adxudicataria.

"As obras permitirán realizar as correccións necesarias da parte xa executada e rematar os traballos que quedaron pendentes. O noso compromiso é que unha obra tan importante se remate conforme ao proxecto e satisfaga as necesidades dos veciños e dos visitantes", afirmou o presidente, Valentín González Formoso, que destacou a "preocupación e seguemento constante" do alcalde de Ortigueira, Juan Penabad, por activar este proxecto de remate das obras que xa está en funcionamento.

"As obras teñen un prazo de execución de catro meses, polo que esperamos que estean rematadas a principios deste verán", sostivo Formoso.

As obras que se han realizar consistirán, por unha banda, na reparación das zonas defectuosas do firme, o perfilado de noiros con risco de desprendemento, o acondicionamento dos illotes das novas interseccións executadas no contrato anterior e a corrección dalgunhas actuacións de drenaxe.

Ademais, inclúese a finalización das obras necesarias de drenaxe mediante a construción de cunetas de formigón e a colocación de pequenos tramos de colectores, e o estendido dunha nova capa de rodaxe previa corrección de zonas moi deformadas onde será necesario aplicar recrecidos previos. Tamén se reporá un tramo de abastecemento pendente, trasladaranse tres postes de electricidade e telefonía e habilitarase a sinalización horizontal e vertical necesaria.

Non será posible realizar a ampliación proxectada entre o PK 0+780 e o PK 0+880 sen afectar ao ben protexido existente polo que se reforzará a sinalización de advertencia de estreitamento. No proxecto tamén se especifica que a mellora da intersección coa estrada DP-6105, da Penela ao Loureiro, será obxecto dun proxecto independente onde se incluirán as expropiacións necesarias coa autorización da Dirección Xeral de Patrimonio.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X