A Deputación destina 200.000 euros para entidades con funcións de representación sectorial da cultura galega
As entidades beneficiarias recibirán entre 1.500 e 30.000 euros e o prazo de presentación de solicitudes remata o 19 de abril
A Deputación da Coruña vén de abrir a convocatoria do seu programa FO215/2023, de subvencións a entidades sen ánimo de lucro con función de representación sectorial e colectiva, a nivel galego, das persoas ou entidades existentes nos diferentes sectores profesionais e afeccionados da cultura galega. A institución provincial investirá neste exercicio 200.000 euros, cun mínimo de 1.500 e un máximo de 30.000 por solicitante. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 19 de abril.
Poderán ser beneficiarios das axudas as entidades privadas sen fins de lucro e con función de representación sectorial e colectiva, a nivel galego, das persoas
ou asociacións que realizan o seu traballo nos diferentes ámbitos profesionais (asociacións representativas das empresas e profesionais das artes escénicas, música, danza, literatura e edición, empresas de xestión cultural...) e afeccionados (federacións de teatro afeccionado, de música e danza tradicional, de bandas de música... ) da cultura galega.
"Estas subvencións", explica o deputado de Cultura, Xurxo Couto, "renovan a nosa aposta por favorecer o sector cultural en todas as súas dimensións, sempre co obxectivo de promover un tecido asociativo que fai realidade o noso lema de que a cultura é un dereito e, como tal, ten que ser exercido e apoiado".
Tanto as solicitudes como o resto da tramitación da presente convocatoria realizarase por vía telemática a través de la plataforma SUBTEL, accesible desde a sede electrónica da Deputación