Estás en:Emprego Novas

Deputación e Universidade da Coruña promoven as Xornadas do Foro Iberoamericano de Dereito Administrativo

O deputado de Contratación e Patrimonio, Xosé Lois Penas, vén de participar na inauguración das xornadas avogando por unha "difusión do Dereito" entre a cidadanía para que sexa instrumento de xustiza social en cuestións como a vivenda, a educación, a sanidade ou o urbanismo

As xornadas"A boa Administración para a realización dos Dereitos Sociais Fundamentais" celebrase desde hoxe e ata o venres no Pazo de Mariñán e conta con participantes procedentes Arxentina, Uruguai, Paraguai, Perú, México, El Salvador, Colombia e das universidades da Coruña, Barcelona, Tarragona, Girona, Madrid e Sevilla

Deputación e Universidade da Coruña promoven as Xornadas do Foro Iberoamericano de Dereito Administrativo

A Deputación da Coruña e a Universidade da Coruña promoven as XIV Xornadas do Foro Iberoamericano de Dereito Administrativo que veñen de dar comezo esta mañá no Pazo de Mariñán, onde continuarán ata o vindeiro venres, baixo o epígrafe "A boa Administración para a realización dos Dereitos sociais fundamentais".

As xornadas foron inauguradas polo reitor da Universidade, Julio Abalde, polo presidente do Foro Iberoamicano de Dereito Administrativo, Jaime Rodríguez-Arana, e polo deputado de Contratación e Patrimonio, Xosé Lois Penas. O deputado aproveitou a súa intervención para avogar por "un Dereito como ferramenta para os dereitos", no sentido de que "o Dereito debe ser difundido e explicado máis alá das academias e das institucións para que se comporte como un emisor de xustiza social en cuestións de tanta transcendencia para a vida diaria das persoas como a vivenda, o urbanismo, a saúde, a educación e o medio ambiente". Xosé Lois Penas fixo fincapé en que "todos os aspectos relacionados coas prácticas institucionais en calquera dos ámbitos de traballo técnico e mesmo político deber ir necesariamente acompañados do interese xeral, dunha boa administración, do dereito ás melloras, de xustiza e de dereitos fundamentais, que en definitiva conforman a Democracia con maiúsculas".

Ao longo dos cinco días de xornadas, pasarán por Mariñán relatores das Universidades da Coruña, Barcelona, Tarragona, Girona, Madrid e Sevilla; así como de Universidades de países iberoamericanos como Arxentina, Uruguai, Paraguai, Perú, México, El Salvador e Colombia. Tamén están previstos relatorios de representantes da Administración autonómica galega e de persoal técnico da Deputación da Coruña.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X