Estás en:Emprego Novas

A Deputación licita por 647.220 euros as obras de mellora da seguridade viaria en Bermún, Cee

A actuación inclúe a construción dunha rotonda, a mellora e ampliación das beirarrúas e a renovación dos servizos

As obras suporán unha importante mellora da seguridade para a veciñanza e para o alumnado a escola infantil

A Deputación licita por 647.220 euros as obras de mellora da seguridade viaria en Bermún, Cee

A Deputación da Coruña abriu a licitación das obras de mellora da seguridade viaria na estrada provincial DP-2303 en Bermún, no Concello de Cee, cun orzamento de 647,220,11 euros.

As obras inclúen a mellora dos itinerarios peonís, acondicionando as beirarrúas existentes e ampliándoas ata os dous metros. Ademais, renovarase o pavimento da senda de aglomerado existente e prolongarase esta cara o sur, ata o cruce coa estrada AC-552, e cara o norte, neste caso por ambas marxes da vía, construíndo dúas sendas de 2 metros de ancho ata a finalización do núcleo de Bermún, dotándose na marxe esquerda dunha banda de aparcamentos en liña.

En canto ao tráfico, construirase unha rotonda de 28 metros de diámetro exterior e 12 metros de diámetro interior para facilitar as diferentes manobras e provocar unha importante diminución da velocidade á que pasan os vehículos actualmente por esta zona poboada.

Por último, mellorarase a drenaxe do tramo que vai do PK 11+000 ao PK 11+200 coa instalación dunha cuneta de seguridade dotada de sumidoiros e tubaxe de pluviais para evitar a acumulación de auga na vía. As obras completaranse coa renovación da sinalización tanto vertical como horizontal.

A alcaldesa, Margarita Lamela, destacou a importante mellora que esta obra demandada polo concello suporá para a mellora da seguridade na zona e agradeceu o compromiso do presidente Valentín González Formoso para acometer esta importante actuación.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X