A Deputación implícase co Concello de Culleredo na recuperación da Cros e destina 300.000 euros ao proxecto de construción dun espazo de coworking centrado na economía circular
A partida foi aprobada no modificativo de crédito aprobado no pleno do pasado venres
O proxecto definirá os espazos dun centro que se dedicará á investigación en economía circular
A recuperación das naves da antiga fábrica da Cros, no Burgo, que promove o Concello de Culleredo, contará coa implicación da Deputación da Coruña. A institución provincial destina unha contía de 300.000 euros para a redacción do proxecto e construción dun espazo de coworking e centro de investigación de economía circular que se pretende crear nunha das naves.
A consignación económica aprobada no expediente modificativo de crédito aprobado polo pleno o pasado venres. A decisión nace froito do traballo que se vén realizando nos últimos meses entre o Concello e a Deputación da Coruña para impulsar en Culleredo un centro de referencia en economía circular.
Os gobernos local e provincial consideran que dispoñer dun espazo de coworking é unha prioridade estratéxica. Apostan por fomentar a colaboración entre as administracións, o tecido produtivo e a comunidade científica. Nesta liña de traballo conxunto prevese a visita da ministra de Ciencia e Innovación, Diana Morant, co fin dar un impulso máis a este proxecto.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, sinala que a economía circular "é a verdadeira protagonista cun impacto a nivel europeo e mundial" e neste panorama "Galicia debe avanzar e por iso desde a Deputación queremos contribuír a facer realidade un proxecto de envergadura nun lugar de referencia".
O alcalde de Culleredo e deputado de Emprego, José Ramón Rioboo, destaca que a participación da Deputación constitúe "un pulo" para o plan de "aproveitar o patrimonio industrial de La Cros para un uso público esencial". O rexedor subliña que "promover o coworking e a investigación é unha oportunidade excepcional para o desenvolvemento de Culleredo".
O proxecto definirá os espazos que terá este novo centro e as características da actuación para adecuar as naves, as situadas en paralelo á rúa das Artes. Tamén se elaborará un plan de acción para a súa creación e posta en marcha.
Para a outra nave, localizada na avenida Juan Carlos I, o Concello traballa na creación dun complexo deportivo municipal, con piscina, ximnasio e salas de actividades. Deste xeito, La Cros será un espazo único e nun lugar emblemático xunto a unha ría do Burgo rexenerada e en pleno corazón da Reserva de Biosfera.
Colaboración
Para a posta en marcha deste centro de economía circular e espazo de coworking estanse a manter contactos para involucrar a unha institución de referencia, como é o caso do CETIM, Centro Tecnológico de Investigación Multisectorial, unha entidade sen ánimo de lucro situada en Alvedro, coa que asinar un convenio. O obxectivo poñer en valor o talento e a capacidade innovadora desde creando un centro que achegará valor ao tecido empresarial e ao desenvolvemento industrial e social de Culleredo e da comarca.
O Concello de Culleredo está aberto á colaboración doutras administracións ou institucións que se queiran sumar para facer de La Cros un punto neurálxico da economía circular no sur de Europa.