O concurso ‘Quero Cantar’ dará a coñecer os grupos e solistas gañadoras nunha Gala no Teatro Colón o 23 de abril
Na modalidade infantil resultaron finalistas os grupos "Guitarristas da Barouta" de Ames, "O ritmo dos soños" da Laracha, e "Os Termais" de Cortegada
Na modalidade xuvenil resultaron finalistas Raquel Barreiro de Ames, "Euterpe" tamén de Ames, e "Temos Terras" de Santiago de Compostela e Teo
O concurso de música infantil e xuvenil 'Quero Cantar' xa ten finalistas. As seis solistas e formacións seleccionadas terán a oportunidade de interpretar os seus temas en directo na gala final, que terá lugar no Teatro Colón o 23 de abril, ás 17:30h.
Nesta gala, que estará presentada pola actriz e contadora Soledad Felloza, escolleránse ás formacións gañadoras e contará coas actuacións dunha banda e dunha solista convidadas: Bonhomía e Noelia Perpetuo, gañadoras da anterior edición deste concurso. A asistencia á gala final será de balde, previa retirada de convite na web do Teatro Colón.
As finalistas desta VI edición do 'Quero Cantar' foron seleccionadas por un xurado composto por persoas vinculadas profesionalmente ao mundo da música como son Pablo Díaz, Paco Cerdeiras, Laura Romero, Laura Iglesias e Carmen Rey Quintela. O xurado estivo presidido polo deputado de Cultura, Xurxo Couto, e actou como secretaria a xefa do Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes, Mercedes Fernández- Albalat. Tamén estivo presente, sen voz e sen voto, o comisario do concurso, Tono Formoso.
Convén lembrar que o 'Quero Cantar' contempla dúas modalidades: infantil (ata 12 anos con presenza dunha persoa adulta), e xuvenil (de 13 a 16 anos). Na gala final, o xurado estará composta por nenos e nenas e por mozos e mozas do mesmo abano de idade que as bandas e solistas seleccionadas para a final.
Finalistas na categoría infantil:
"Guitarristas de Barouta" é o grupo de guitarra do CEIP Barouta (Ames), e está conforamdo por alumnos e alumnas de Miguel Alonso. Foi nas súas aulas onde compuxeron a súa primeira canción, na que falan da inclusión no patio e nos xogos.
"O Ritmo dos soños" nace dentro do coro do CEIP de Caión (A Laracha) co obxectivo de se presentar ao concurso Quero cantar. A banda está formada por unha alumna e un alumno de segundo de primaria, unha alumna de terceiro, dous de quinto, seis de sexto e polo mestre de música do centro.
"Os Termais" son un grupo dun colexio de Cortegada, na comarca do Ribeiro. Está composto por compañeiros e compañeiras de cuarto, quinto e sexto de primaria. Indican que a escolla do nome provén da concentración de augas termais que se dá na zona, tendo Cortegada varios balnearios.
Finalistas na categoría xuvenil:
Raquel Barreiro é unha moza de 16 anos do concello de Ames que escribe as súas propias cancións. Estuda guitarra, canto e frauta traveseira. Xa participou no Quero Cantar, na categoría de primaria, en varias ocasións, chegando á final coa banda "As estrelas do rock". Tamén pertenceu a outras bandas como "Ramalloss" ou "Trece".
"Euterpe" é unha formación composta por alumnado de todos os niveis educativos do IES do Milladoiro (Ames) e coordinado polo profesor de música Manolo Maseda. Presentáronse ao Quero Cantar cun tema composto a partires dunha chuvia de ideas sobre as e os compeñentes da banda e as súas circunstancias vitais.
"Temos Terras" está formada por Alejandra Saavedra (guitarra e voz) de Teo e Lucas Arango (piano e voz) de Santiago de Compostela, ambos cunha ampla formación musical desde a infancia. Conformáronse como dúo musical no instituto.